Vixía Herbeira

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CARIÑO

22 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

ntre os moitos traballos publicados por Luar na Lubre, no de Camiños da fin da terra figura o tema Centeás, escrito polo poeta Xabier Cordal. O poema fai alusión a un lugar con ese mesmo nome situado na zona de Cariño. Nel refírese metaforicamente a esa parte de Galicia como a proa do mundo xa que está situada nun dos puntos máis setentrionais da península ibérica e, para min, un dos espazos máis espectaculares destes confíns occidentais.

Presentando esta canción que en tantos concertos nos ten acompañado por Galicia e fóra dela, sempre falaba de que nesa imaxinaria proa do mundo están situados uns dos acantilados máis altos de Europa. Integrados na espectacular serra da Capelada, xusto cando esta chega á inmensidade do Atlántico, están os cantís de Vixía Herbeira ou máis comunmente coñecidos como Herbeira, un lugar fantástico que mesmamente parece que está sacado do soño dun druída.

A xente que escoitaba a narración que faciamos nos nosos concertos ficaba incrédula do que lle estabamos contando. E indo a ese dato concreto, para ser exactos, os da Herbeira son os cuartos máis altos de Europa despois dos de Hornelen con 860 metros, os do cabo Enniberg con 754 metros situados ámbolos dous nas Illas Feroe, e tamén o de Croaghaun con 688 metros na Illa de Achill, pertencente ao irlandés condado de Mayo. Os nosos cantís da Herbeira cunha altura de 613 metros estarían despois dos nomeados. Mais certamente deberiamos dicir que se falamos da Europa continental, os nosos serían os de máis altura, xa que os outros están todos situados en diferentes illas.

Este dato era o que deixaba abraiada a moita xente xa que normalmente pensaban que este tipo de accidentes xeográficos estarían situados máis ao norte. Dende a miña perspectiva esta proa do mundo como ben definiu Xabier Cordal no seu poema é un dos lugares máis impresionantes que coñezo, e que por certo, teñen uns case que xemelgos no irlandés condado de Donnegal chamados Slieve League con 601 metros. Un espazo asombroso e cargado de misterio, un deses sitios que semellan conectar diferentes mundos.