Juventino Trigo, candidato do BNG por Fene, Incide en que con «xente nova nos partidos teremos máis posibilidades de negociar» e defende os logros en urbanismo
23 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Fene, territorio con risco de seísmo político. Como manda a tradición, o 28M vivirase como unha xornada de infarto neste concello. Agora goberna o BNG con seis edís, nunha corporación de dezasete, xunto coa concelleira de Esquerda Unida. O candidato nacionalista é Juventino Trigo (Fene, 1962).
—Fene é un concello politicamente complicado?
—A campaña do BNG é moi positiva. Pero en Fene sempre se presenta un partido pola dereita, e polas esquerdas van tres e houbo anos de cinco. E iso fragmenta moito os votos. Pero o 60% de Fene segue votando á esquerda e o resto á dereita.
—Preocúpalle máis a negociación que os resultados?
—Queremos gañar para gobernar sós, pero moitas veces son máis complicadas as negociacións. Nesta ocasión será máis fácil o acordo de esquerdas, hai xente nova nos partidos e teremos máis posibilidades de negociar.
—Logros deste mandato?
—Durante case un ano gobernou o PP, cunha moción de censura chegamos en febreiro de 2020 e en marzo estaba a pandemia. Pero puidemos derrubar as naves de Fondomar na fachada marítima de Barallobre, logramos o punto limpo e máis aparcadoiros tanto no centro como nas praias, o paso a nivel de Perlío, a xestión con Sepes para o centro de saúde, volvemos a ser referentes en cultura e deportes, modificamos o plan de Urbanismo para facilitar a construción de vivendas e isto non se facía desde hai 15 anos.
—Por que cre que nun concello tradicionalmente de esquerdas como este subiu tanto o PP na última década?
—Hai oito anos presentáronse cinco candidaturas dentro das esquerdas: desde unha agrupación como Podemos, ata Somos Fene, PSOE, BNG, Esquerda Unida... Iso fragmenta á esquerda. Pero insisto en que o 60% do electorado de Fene vota ás esquerdas.