Fene celebra o Día da Patria como «a festa máis grande de todas as galegas»

La Voz FENE / LA VOZ

FENE

Día da Patria Galega en Fene
Día da Patria Galega en Fene Concello de Fene

A declaración institucional foi lida pola presidenta da asociación veciñal de Limodre, Ana Santiago

23 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre veciños, representantes do movemento asociativo e membros da corporación de Fene, máis de cen persoas celebraron onte o Día da Patria Galega no parque liñal do Río Cádavo. Alí asistiron á Declaración Institucional do Día da Patria Galega a cargo de Ana Santiago, a presidenta da asociación veciñal de Limodre, exconcelleira e exdeputada do BNG.

Segundo o alcalde Juventino Trigo, «o Día da Patria Galega é a festa maior de todas as galegas».

Aludiu ademais á conmemoración do 75 aniversario de Alba de Groria, o discurso de Castelao concibido para conmemorar o Día da Galicia de 1948.

O concelleiro de Cultura, Justo Ardá, destacou que «ao longo destes anos, tivemos a oportunidade de escoitar neste mesmo lugar as voces de escritores como Méndez Ferrín, Agustín Fernández Paz, Rosa Aneiros, Matilde Castro ou Mariola Hermida; de artistas como Laura Bouza ou Carme Romero; músicos como Miguel Doval ou persoas que ostentaron cargos de representatividade política como César Martínez Yáñez, Paloma Rodríguez ou Xosé María Rivera Arnoso (exalcalde de Fene)».

Precisamente, na súa declaración Ana Santiago empregou o mesmo final que ese descurso Alba de Groria, pronunciado por Castelao na celebración do Día da Patria de hai 75 anos no Centro Galego de Bos Aires: «Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares».