Cando o lixo é de luxo: «Aquí podes traer unha vella lavadora e levar pezas dunha tele»

FENE

O punto limpo de Vilar do Colo permite o intercambio de electrodomésticos; e dá servizo aos veciños de Fene, Ares e Cabanas para a recollida dos seus residuos desde perigosos a madeira ou voluminosos
01 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Na loita contra a proliferación de vertedoiros ilegais andan os concellos da ría. A recente aparición dun depósito xigante de residuos perigosos nunha antiga cementeira de Narón espertou as alarmas. E para evitar esas situacións nacen proxectos como o punto limpo do polígono industrial de Vilar do Colo (ubicado en territorio de Fene pero cunha pequena parte de Cabanas). Dende hai unha semana, xa dá servizo a estes dous concellos e ao de Ares para convertir o lixo en luxo: co reciclado de perigosos (baterías, aerosois, rodas, aceites vexetais e minerais, disolventes, pilas, fluorescentes), refugallos de madeira, entullos de obra, ferralla, voluminosos, electrodomésticos, PVC e plásticos que non sexan de envases. Os usuarios deben ser particulares (as empresas teñen os seus xestores) e o servizo é gratis. «E ten a particulariedade de que aquí podes intercambiar obxectos como electrodomésticos, podes traer unha vella lavadora e levar pezas dunha tele», indica o alcalde de Fene, Juventino Trigo.

Mesmo os usuarios poden empregar este punto limpo como unha especie de autodesguace: «Facilitamos os medios para que os interesados extraían as pezas que lles interesen dos electrodomésticos». Segundo a concelleira de Medio Ambiente, María del Carmen Martínez, «nunha semana xa se achegaron unhas cen persoas para traer os seus refugallos, e outras tantas chamaron para coñecer os servizos». Para deixar ese lixo só hai que presentar o DNI ou o recibo de contribución, «amosando que vives ou tes propiedades en Fene, Ares ou Mugardos». O que máis traen son «colchóns e electrodomésticos», como se pode comprobar nos contedores. Tamén hai espazos para voluminosos e mobles, ou un punto específico para restos que non se poden reciclar «como CDs».
A licitación e xestión corresponde ao Concello de Fene, con Ares e Cabanas adheridos. Nun principio tiñan interese en apuntarse Mugardos e Neda, pero ao final non se incorporaron; «isto motivou moitos cambios e máis retrasos, porque debería estar funcionando antes de 2018», segundo Juventino Trigo. En decembro de 2022 xa se adxudicou o servizo á empresa Coregal, e por fin abriu en xaneiro.

A proposta de economía circular recorda a plataformas como Vinted, «podes levarte partes dunha tele que funcionan ben, aínda que non traias nada». Este punto de intercambio está máis enfocado a electrodomésticos, con magnetófonos, pantallas de ordenador ou discos de Los Brincos en busca de coleccionistas.
Admiten Trigo e Martínez que «temos aínda unha recollida de voluminosos pero faremos unha campaña nos tres concellos para promocionar este punto limpo (que abre de 16.00 a 20.00 por semana, e sábados de 10.00 a 14.00 horas)». Como todos, «padecemos os vertedoiros ilegais mesmo ao lado do cemiterio de Sillobre ou do campo de fútbol de Maniños, neste punto limpo antes había un vertedoiro». Segundo o alcalde, «no futuro sancionaremos aos que usen os vertedoiros ilegais porque xa hai este servizo».
Apunta a concelleira de Medio Ambiente que «eu contentábame con non ter eses puntos negros tan preocupantes». E os dous lamentan a aparición dun gran depósito ilegal de residuos en Narón: «Aí seguro que eran verquidos de empresas que se aforraban os cartos de levar a un xestor autorizado, falta aínda moita concienciación dos cidadáns».