Juventino Trigo deixa a alcaldía de Fene nunha emotiva despedida: «A alcaldesa será Sandra Permuy, muller do metal»

FENE

O rexedor do BNG alega motivos persoais «porque a xubilación está á volta da esquina», e estratéxicos para impulsar á nova candidata para as municipais
02 may 2025 . Actualizado a las 16:28 h.Entre abrazos e bágoas, coa plana maior do BNG comarcal aplaudindo, Juventino Trigo anunciou este mediodía que deixa a alcaldía do BNG en Fene. Os nacionalistas suman 40 anos de goberno en diferentes mandatos nesta localidade naval. E Trigo cumpriu con oito deles para dar relevo á que será a nova alcaldesa: Sandra Permuy, que se presentou hoxe como «filla da reconversión e orgullosa muller do metal».
A marcha da alcaldía obedece a motivos persoais como as gañas de xubilarse, e tamén á «oportunidade política» para ir presentando a Permuy como candidata ás vindeiras municipais.
Acompañado por Secundino García Casal, responsable política municipal do BNG, Juventino Trigo recalcou que «foi unha decisión persoal moi meditada». Trigo deixará a corporación e entrará como nova concelleira Alba García Fariña, para sumarse ao goberno do BNG (que conta cunha concelleira de Esquerda Unida). A corporación de Fene está formada por 17 edís, o BNG ten sete e Esquerda Unida un polo que configuran un goberno de oito.
Asegura o alcalde saínte que «tomei a decisión con responsabilidade e pensando no mellor para o concello, a renuncia será presenta oficialmente o luns, o pleno extraordinario para a saída será o venres e haberá un prazo de dez días para o nomeamento noutro pleno de Sandra Permuy como alcaldesa».
Durante este tempo, Juventino Trigo afrontou crises como a da auga en 2015, a pandemia en 2020 ou o recente apagón. «Pero agora impera a oportunidade política, ademais levo traballando desde os 14 anos, a xubilación está a un paso e é unha recompensa». Admite que «non foi unha decisión fácil pero Fene queda nas mellores mans, dunha muller á que admiro profundamente e que pode converter en realidade os soños colectivos».
A futura alcaldesa deu as grazas por esta decisión que dá o relevo a unha «muller do barrio de San Valentín que seguirá loitando polo regreso da construción naval civil ao estaleiro de Fene». Sandra Permuy era ata agora responsable das áreas de Servizos, Benestar Social, Seguridade e Persoal; naceu en 1974 e é educadora infantil.
Secundino García Casal destacou que «Tino Trigo recuperou a alcaldía para o BNG tras momentos difíciles, sen maioría absoluta e pasando por mocións de censura». Tanto o alcalde saínte como a futura alcaldesa destacaron que «Fene seguirá sendo como ata agora referente cultural, social e reivindicativo»