
A nova rexedora contou co apoio do BNG e EU no pleno de investidura trala renuncia do anterior alcalde, Juventino Trigo
16 may 2025 . Actualizado a las 22:35 h.«Síntome tremendamente orgullosa de ser, unha filla da reconversión, a primeira alcaldesa de Fene». Emocionada, con dúas chamativas chapas, nunha sobria chaqueta, sobre o nacionalismo e o feminismo, amosando os seus valores, Sandra Permuy converteuse esta tarde na primeira alcaldesa de Fene. O de hoxe foi un «día histórico» no que Permuy reivindicou o avance en igualdade que supón a súa elección: «Nunca na historia do noso concello houbo unha muller na alcaldía. Pode parecer anecdótico, mais trátase dun cambio radical. A corporación actual parécese máis que nunca ao pobo que nos elixiu», valorou a xa nova rexedora.
Nun salón de plenos cheo de veciñanza, Permuy estivo arroupada pola súa familia e amigos, e respaldada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ademais dos exalcaldes Xosé María Rivera Arnoso e Juventino Trigo, que suman máis de 36 anos de gobernos nacionalistas no municipio. «Será unha excelente alcaldesa, ten experiencia e un profundo coñecemento do Concello, das súas necesidades e do seu potencial, ademais de contar cunha equipa que xa ten demostrado que sabe facer avanzar Fene», defendeu a líder nacionalista. E sobre o rexedor saínte non puido máis que agradecer o seu labor. «É exemplo político dun dos bos e xenerosos», recalcou para destacar a continuación a grandeza de Trigo á hora de saber pechar unha etapa política «coa cabeza alta» e «co traballo ben feito despois de darlle a Fene a estabilidade política». Non faltaron tampoco dirixentes nacionalistas da comarca, como o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, ou a rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy.

Foi Manuel Polo, como segundo tenente de alcalde, o encargado de presidir o pleno no que, tras a renuncia de Trigo a súa acta, formulou a pregunta aos grupos políticos con representación na sala: se os seus candidatos nos últimos comicios volvían a postularse. Así o fixeron o PP, con Gumersindo Galego, e o PSOE, con Joaquín Ayala. Permuy foi investida alcaldesa co apoio das concelleiras do BNG e Esquerda Unida. Ao prometer o cargo amosou a súa emoción por traballar polos veciños e veciñas. E fundiuse nun abrazo co seu compañeiro Polo no momento de entrega do bastón de mando.
No seu primeiro discurso recordou que entran en vigor os orzamentos municipais, con máis de 16 millóns de euros, «cheos de proxectos e de forza transformadora». «Temos retos importantes: seguir a mellorar as rúas e camiños, impulsar un novo PXOM, eliminar barreiras físicas e mentais, traballar a prol do emprego digno, dunhas escolas e dunha sanidade á altura... e petar en todas as portas para mellorar Fene», asegurou. E recordou o discurso do seu predecesor na súa toma de posesión, no que reivindicaba a necesidade de estabilidade, transparencia e honestidade. «Tino, o obxectivo está logrado». Agradeceu o apoio da cúpula nacionalista e especialmente o de Pontón. E volveu a emocionar ao mencionar á familia e amizades.
Permuy (1974), educadora infantil, ten unha longa traxectoria vinculada ao compromiso social. Forma parte da corporación municipal desde o ano 2015.

Alba García tomou posesión como nova concelleira ocupando a acta de Juventino Trigo
Apenas uns minutos antes do pleno de elección da nova alcaldesa de Fene, a corporación celebrou unha sesión extraordinaria urxente na que se formalizou a incorporación de Alba García Fariña como nova concelleira do BNG, ocupando o escano deixado por Juventino Trigo tras a súa renuncia. A nova concelleira prometeu o cargo por imperativo legal, e foi recibida cun aplauso por parte da corporación e o público presente. García naceu en Fene en 1991. É terapeuta ocupacional e desenvolve a súa actividade profesional en Teima Down Ferrol, centrando o seu traballo no ámbito das persoas con discapacidade. Durante a súa etapa universitaria estivo vinculada aos comités e á organización estudantil Erguer, e desde 2019 forma parte da xunta directiva do CPS San Valentín.
Remodelación das áreas
A xornada histórica de cambios suporá tamén unha obrigada remodelación do goberno nos próximos días. Sandra Permuy era ata agora responsable das áreas de Servizos, Benestar Social, Seguridade e Persoal e primeira tenente de alcalde.