O proxecto Fene 1941 rescata a memoria de Astano e da ría a través da voz dos veciños

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

FENE

C.D.F.

A iniciativa terá como eixo central pezas audiovisuais que xa están sendo gravadas

12 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O proxecto Fene 1941, unha iniciativa que parte do propio Concello e que se financia con fondos do Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través do GALP Ártabro Norte, rescatará a memoria de Astano e da ría a través da voz dos propios veciños.

E terá, como eixo central, pezas audiovisuais que xa están sendo gravadas e que permitirán, tanto no presente coma no futuro, analizar, a través dos seus protagonistas, a historia dun territorio no que a cultura tradicional do mar conviviu, durante medio século, coa actividade dun estaleiro que construíu algúns dos máis grandes buques do mundo. Segundo avanza o propio Concello, o previsto é que os vídeos xa estean listos para o seu visionado polo público «á volta do verán». Ademais, arredor destes vídeos haberá desde conferencias e encontros en todo tipo de espazos públicos ata actividades nos colexios.

 

C.D. F.

Un paso fundamental

Fene, que posúe un inmenso patrimonio material que abrangue desde muros de pedra seca —declarados xa, pola Unesco, parte do Patrimonio da Humanidade— ubicados a moi poucos metros de todo tipo de vestixios megalíticos, ata a magnífica grúa pórtico de Navantia Fene, que segue plenamente activa, dá agora un novo paso para reivindicar, polos camiños da antropoloxía cultural, a súa memoria máis recente. O proxecto Fene 1941 afonda nese outro patrimonio, o inmaterial, que no seu caso foi extraordinariamente rico na segunda metade do século XX, cando a cultura mariñeira conviviu coa mellor tecnoloxía industrial do seu tempo nun entorno no que, ao mesmo tempo, seguían vivas todo tipo de lendas, crenzas, ritos e creacións musicais que o pobo fixo vivir desde o fondo das idades.

C.D.F.

«Este traballo de recollida é fundamental para evitar que se perda un legado que forma parte da nosa identidade colectiva —di a concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira—. Queremos —engade— que as historias de vida, as fotografías e o os recordos queden recollidos e sexan accesíbeis para futuras xeracións».

«Non só é un proxecto de recuperación da memoria —subliña a concelleira—, senón tamén unha oportunidade de dinamizar a vida cultura, educativa e turística do concello».