Nace Fene 1941, un proxecto para amar as orixes do gran estaleiro de Perlío

La Voz FENE / LA VOZ

FENE

Botadura en Astano, en 1945
Botadura en Astano, en 1945 ARCHIVO - ASTANO

Con rutas de tapas, cantos de taberna e encontros veciñais

05 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Fene medrou grazas á forza dun gran estaleiro, que naceu como Astano e continúa como Navantia. E para honrar a memoria viva desta factoría, os anos dourados do naval e a cultura formada en torno aos barcos, o Concello lanza o proxecto Fene 1941. Conta cunha programación de actividades culturais, gastronómicas e interxeracionais «que poñen en valor a historia do estaleiro e da cultura mariñeira».

A iniciativa ofrecerá conversas coa veciñanza, cantos de taberna ou unha ruta gastronómica ao longo de outubro, «combinando identidade, memoria e participación cidadá». Na presentación, a concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira, recalcou que «este proxecto é unha oportunidade para recoñecer o papel das traballadoras e traballadores do estaleiro e das súas familias, pero tamén para implicar á hostalería, ás entidades e á veciñanza nun proceso compartido que reforza a nosa identidade e dinamiza a vida social e económica de Fene».

 

Ruta de tapas

Nas noites dos venres 10 e 17 e dos sábados 11 e 18, haberá unha ruta de tapas con cantos de taberna no Enxebre, Arrecendo, Vagalume, A Ponte, Lembranza, CMIU Fene e Son da Cociña. Cada local ofrecerá unha tapa mariñeira a 2,5 euros. E os cantos de taberna chegarán o venres 17 coa Agrupación Liga de Amigos de Barallobre, e o sábado 18 con Son de Cantos. O sábado 25 de outubro será o encontro interxeracional con degustación de produtos do mar.