José Fernández Lago: «Galicia ten hoxe unha tradución da Biblia de primeiro nivel»

FERROL CIUDAD

ÁLVARO BALLESTEROS

O Centro Torrente Ballester de Ferrol acollerá o luns, ás 19.30 horas, a presentación da cuarta edición en galego dos Textos Sagrados, froito do labor de dúas ducias de expertos

02 nov 2023 . Actualizado a las 22:09 h.

«Galicia ten hoxe unha tradución da Biblia de primeiro nivel», di José Fernández Lago (Carril, 1944), deán da catedral de Santiago, doutor en Teoloxía pola Universidade Gregoriana de Roma e un dos expertos en Sagrada Escritura máis prestixiosos de todo o país. O Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol acollerá o luns, ás 19.30 horas, a presentación da cuarta edición do texto bíblico, froito do labor de dúas ducias de expertos coordinados polo propio Fernández Lago, que ademais traduciu el mesmo gran parte das páxinas que foron escritas orixinalmente tanto en grego como en hebreo, as dúas linguas máis utilizadas na Biblia (as partes escritas en arameo son, en contra do que se tende a crer tantas veces, moi poucas).

A primeira tradución dos Textos Sagrados ao galego viu a luz nos anos setenta do pasado século, como lembra o propio Fernández Lago, que xa tivo un especial protagonismo no proxecto desde o seu inicio. «Esta é a obra da miña vida», di o deán da catedral compostelana. E afirma, ademais, que esta cuarta edición, publicada coma as anteriores pola editorial SEPT, «inclúe un gran número de novas anotacións», que queren «achegar o texto bíblico a toda clase de lectores», de xeito que esta tradución galega da Biblia resulte verdadeiramente útil tanto aos investigadores como a todas aquelas persoas que busquen, a través da textos sagrados, a «familiaridade con Deus». 

«Tivemos especial coidado en evitar, na redacción das notas, calquera palabra que non sexa de uso habitual», di, tamén Fernández Lago, engadindo que esta é «unha tradución da Biblia para os lectores galegos do Século XXI».

 

Unha longa tradición cultural

No acto do luns falarán, ademais de Fernández Lago, o bispo ferrolán-mindoniense, Fernando García Cadiñanos; o vicepresidente da editorial SEPT, Silvestre Gómez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; e o delegado dicesano Manuel Regal Ledo. Será un acto no que, arredor da nova tradución da Biblia ao galego, a Diocese de Mondoñedo-Ferrol virá render homenaxe a súa longa tradición cultural, que se fai especialmente presente no mundo do libro. 

Un dos tomos da Biblia Políglota de Alcalá, do século XVI, que a Diocese de Mondoñedo-Ferrol custodia na biblioteca do Real Seminario de Santa Catalina
Un dos tomos da Biblia Políglota de Alcalá, do século XVI, que a Diocese de Mondoñedo-Ferrol custodia na biblioteca do Real Seminario de Santa Catalina PEPA LOSADA

Dona dunha das mellores bibliotecas españolas, a do Real Seminario de Santa Catalina (na que non faltan, como é natural, un par de exemplares da buscadísima Biblia de Cisneros, tamén coñecida como a Políglota Complutense ou Políglota de Alcalá, un dos grandes tesouros bibliográficos da humanidade), a Diocese de Mondoñedo-Ferrol é pequena en extensión e en recursos económicos, pero inmensa en patrimonio cultural. O propio Fernández Lago lembraba onte o gran número de personalidades dos máis diversos ámbitos (citaba, entre outros, ao académico Darío Villanueva, ao historiador Ramón Villares e ao cardeal Rouco Varela) que estudaron no Real  Seminario de Santa Catalina; e citaba, tamén, a intensa influencia que a Diocese de Mondoñedo-Ferrol tivo en figuras de todos os campos da creación e do coñecemento, como o escritor Álvaro Cunqueiro.