Adrián Armesto, futbolista do Club Lemos: «Temos que encher as bancadas da Pinguela na final ante o Mugardos»
MUGARDOS

O dianteiro fai un chamamento á afección para este choque trascendental
07 may 2025 . Actualizado a las 20:31 h.Achégase o día D para o Lemos. Este domingo (12.00 horas) na Pinguela está en xogo a permanencia na Preferente ante o Galicia Mugardos, rival directo. Un dos referentes do plantel e autor do gol que deu o triunfo ao equipo ante o Escairón, Adrián Armesto, ten claro que só serve gañar para asegurar a continuidade na categoría. Por iso, o dianteiro pide un esforzo máis á afección para que converta o estadio nunha auténtica olla a presión.
—Chegou a nai de todas as finais, non si?
—Así é. O domingo está en xogo a permanencia na Preferente. E o importante é que dependemos de nós mesmos para lograr o obxectivo. Xa lle gustaría a outros equipos da zoa baixa da clasificación estar na nosa situación.
—Pero tiveron que picar pedra ante o Escairón para gañar.
—Foi un partido complicado. Sabíamos que todo pasaba por gañar no Saviñao, aínda que de nada servirá esta vitoria se perdemos este domingo. Eramos conscientes da dificultade do encontro, porque aínda que eles estiveran descendidos, ían polos tres puntos, porque é un derbi e neste tipo de encontros sempre se da un plus a maiores
—Por onde pasa o partido ante o Mugardos?
—Por gañar. Sabemos que se logramos os tres puntos salvámonos ao 100%. O empate podería servir pero aí teriamos que sacar as calculadoras, e iso é unha opción que non queremos contemplar. Temos que aproveitar o feito de xogar na casa cunhas bancadas que estarán cheas.
—Está claro que son favoritos.
—Eu non diría iso, porque neste tipo de encontros xogándonos o que nos xogamos todos, calquera detalle desnivela o partido cara un lado ou cara outro. O Galicia Mugardos é un equipo que a nivel de conceptos e de xogo gústame moito. E a clasificación non reflicte o seu potencial.
—Onde estará a clave para gañar?
—Na solidez defensiva. É fundamental non encaixar, porque aínda que é verdade que nas derradeiras xornadas temos carencia de gol, estou seguro que teremos as nosas ocasións para marcar.
—Hai ansiedade na plantilla?
—Todo o contrario. Temos moita confianza e sabemos que o do domingo é un partido moi importante para o Lemos. Imos dar ese plus que será necesario para sacar o partido adiante. Xa estamos desexando que chegue o domingo ás doce para que comece a rodar o balón no campo da Pinguela.
—Pero recoñecerá que chegan con pouca gasolina a este sprint final do campionato, verdade?
—Hai que recoñecer que son varios os futbolistas que chegan ao límite. É certo que a tempada se está facendo longa. Tiñamos que ter feito os deberes moito antes.
—Imaxinaron nalgún momento que chegaría a estas alturas do campionato nesta situación tan complexa?
—A verdade é que non. Non entraba nos nosos plans estar coa permanencia en xogo na derradeira xornada da competición, pero o fútbol é caprichoso, e as veces pasa isto. Este rexistro demostra que a categoría é complicada e que ninguén regala nada.
—E como se atopou vostede esta tempada?
—A nivel xeral ben, aínda que a rotura da man pasou factura.
—O domingo en Escairón foi clave. Armesto nunca se esconde.
—[Sorrí] A min gústame tirar do carro cando as cousas van mal e animar o vestiario.
—Cambiouno a súa paternidade?
—Vese a vida doutro xeito, con moita máis alegría. Cando chegas dun partido malo, vexo a Iago [é o nome do fillo de Armesto] e xa me veño arriba.
—Que mensaxe envía á afección?
—Necesitamos a afección, temos que encher as bancadas do campo da Pinguela. O público vainos dar un plus para gañar este difícil partido. E estou convencido que ao final celebraremos todos xuntos a permanencia na Preferente. Forza Lemos!