En 1936, despois dunha intervención parlamentaria de Gil Robles, o socialista Indalecio Prieto comentou: -Una sola cosa está clara; que nos vamos a merecer por estupidez la catástrofe.
Meses máis tarde, en plena confrontación bélica, outro socialista non menos ilustre, Julián Besteiro, rexeitou a invitación para participar nun acto do partido e argumentou: -No puedo hablar porque no me consentirán decir lo que siento y lo que pienso, a saber: que los españoles nos estamos asesinando de una manera estúpida, por unos motivos todavía más estúpidos y criminales.
Era certo. En días como estes, hai 85 anos, o cainismo impoñíase nas zonas nacional e republicana coa mesma saña; pero tamén houbo casos de grandeza moral en que a lealdade e o respecto á vida se impuxeron ás ideas políticas e ao medo. Dos republicanos que salvaron a franquistas e dos franquistas que salvaron a republicanos deron ampla información os historiadores e coñecémolos con nomes e apelidos; pero das familias que arriscaron as propias vidas para acoller e ocultar, ás veces durante anos, a xente perseguida, escribiuse pouco. Eu vou recordar a de Rudesindo Díaz Beceiro e Benigna Corral Yáñez, de Cornido, concello de Narón; e con eles recoñézoos a todos.
Rudesindo era un mil mañas. Carpinteiro de profesión, traballaba como albanel, electricista ou o que fixese falta; por iso, baixo a adega onde tiña o taller de carpinteiro fixo un zulo tan ben disimulado que a garda civil rexistrou varias veces a casa e non deu con el. Alí esconderon a moitos fuxitivos, mentres agardaban a oportunidade de fuxir a Francia. No segredo estaban os fillos Binucha e Sindo, aínda rapaces, que facían de recadeiros e «correos».
Toda discreción era pouca e Benigna deixou de lavar no río de uso público para que ninguén reparase nas prendas que levaba. Coa mesma cautela resolvía o problema da comida. Caldo tíñao sempre, ovos non; que daquela as galiñas non comían penso e non poñían todo o ano, pero se non podía fritir patacas con ovos, fritíaas con pementos da horta. O pan facíao na casa e cando os refuxiados eran moitos, os rapaces mercaban un molete en distintos fornos. No Feal, Ramón Romero tamén escondía xente. A garda civil descubriuno e no rexistro feriunos a el e ao refuxiado, que conseguiu chegar a outra casa onde o esconderon nun alboio. A Romero curárono no hospital de Mariña e fusilárono. Pasaban os días e o ferido non melloraba porque tiña a bala dentro. O home que o gardaba foi ver a Rudesindo e aquela noite levárono en bote ao pazo de don Paco «o da Mercede», médico queridísimo, que o operou e salvou. Convaleceu e pasou meses no zulo de Cornido. Morreron Benigna e Rudesindo, Binucha casou e deixou a casa, e Sindo, enfermo de tise, seguiu dando abeiro aos fuxidos. O último, o famoso Pancho. Un día de 1954 os gardas civís sitiaron a casa. Pancho saíu disparando, feriu ao tenente e os gardas deixaron de perseguilo para atender o mando. Algúns botáronse a Sindo e batéronlle na cara cos mosquetóns. Despois escoitáronse disparos.
Conteino cando din o pregón das festas de Narón, no 2006, e o alcalde Xoán Gato, conmovido, falou de dedicar á familia unha rúa ou unha praza; pero un concelleiro do PSOE bisbiseoulle algo na orella e todo quedou en nada.