Marián Ferreiro: «Pese a quen lle pese, Narón é o motor da comarca e non lograron desgastarnos no 28M»
NARÓN
A gañadora das municipais recalca que «TeGa está máis vivo que nunca»
29 may 2023 . Actualizado a las 22:39 h.Marián Ferreiro (1977, San Xiao, Narón) espertou este luns co logro do duodécimo mandato consecutivo para o seu partido. Todo un récord que bate Terra Galega: formación independente que antes levou outros nomes pero sempre gobernou Narón desde 1979.
—Narón é un sitio distinto, tamén a nivel electoral?
—Si que é un sitio distinto como amosan os resultados. Os gráficos dos xornais amosan que levamos unha cor diferente, somos un partido minoritario e ten moito mérito porque carecemos das infraestruturas doutros partidos.
—Totalmente diferente a Ferrol, onde cambian de goberno cada catro anos?
—Somos diferentes. Porque o noso programa non é para catro anos, necesitamos tempo para seguir transformando Narón. E esta estabilidade apórtanos a oportunidade de facelo aínda mellor.
—Por que na noite electoral se compararon coa Galia?
—Porque nós mesmos decidimos o que queremos para Narón en todo momento, sen directrices de partidos de Santiago ou Madrid. Decidimos desde Narón e para Narón. Esa independencia apórtanos esa diferenza con respecto a outros. Nótase que buscamos o interese dos nosos veciños.
—Despois do 28M libérase das voces que consideran que o seu proxecto é só unha herdanza?
—As anteriores eleccións xa as gañei eu sendo cabeza de lista. A primeira vez podía ser cuestionada pero agora temos un proxecto propio, non só meu senón dun equipo polo que o mérito foi de todos. En campaña usouse calquera cousa para desacreditarnos pero o pobo decidiu.
—Criticaban que vostede non lograse novos proxectos industriais.
—Pese a quen lle pese, Narón é o motor da comarca e non lograron desgastarnos no 28M. É un motor económico. A pesar dos ataques recibidos na campaña, a realidade está aí: temos o maior número de empresas instaladas na comarca. Querían desgastarnos pero o pobo decidiu o contrario do que pretendían; porque nos axudaron os resultados e seguiremos sendo motor económico.
—Foi un castigo ao PSOE?
—Pois ao final perderon un concelleiro polo que en datos obxectivos padeceron un castigo.
—E tamén a Xoán Gato?
—É unha realidade que a xente quere seguir con nós, logramos 223 votos a maiores que hai catro anos polo que se valida o proxecto de TeGa como o mellor para Narón.
—Vostede é máis do seu antecesor José Manuel Blanco que de Gato?
—Nunca tiven problemas con Gato, a miña relación era boa. Pero ao ver as súas declaracións entendo que alguén foi a buscalo en campaña. Cando se formou Terra Galega (continuación do partido co que se gobernou en Narón desde 1979), estiven na constitución e a relación era boa. Entendo que esté desencantado. Pero TeGa está máis vivo que nunca, sobran os dedos da man para contar as persoas que se marcharon como Gato.
—Non logrou unha maioría absoluta, aínda falta a sesión de investidura.
—Xa veremos, pasaron moi poucas horas desde o resultado e estamos aínda coa celebración. Xa analizaremos primeiro internamente os resultados e despois veremos que facer.
—Falarán cos outros partidos?
—Sempre fomos un partido de diálogo. Estivemos gobernando en coalición en varias ocasións, somos un bo exemplo das coalicións. A última (co PSOE) rachouse por razóns que sabemos todos. Pero non porque faltase unha boa sintonía.
—Será máis doado pactar co BNG que cun PSOE que deixou claro que non apoiará a TeGa?
—Xa o dixeron públicamente e entendo que non hai opcións. Non sei se agora mesmo os socialistas seguen pensando o mesmo pero foron bastante claros nese sentido.
—Este 28M é un reforzo do seu liderado en feminino?
—Basta con ver o número de alcaldesas na zona da ría, quédoma soa. Pero neste equipo suman todos, un concello non está gobernado só por unha persoa. Só podo dicir que agradezo a posibilidade de gobernar un concello da envergadura de Narón que ronda as 40.000 persoas.
—Hai unha alta abstención.
—Non sabemos a que se debe. Din que a xente está contenta e non quere cambio, que se deixa ir. Eu quero unha participación máis alta porque é un dereito que sobre todo nos costou lograr ás mulleres. Faremos campañas para mellorar os índices.
—Quedáronse con gañas dunha maioría absoluta?
—Queríamos mellorar ata once concelleiros, porque o noso programa é o mellor e queríamos levalo a cabo íntegramente.
—A festa do domingo foi moi longa?
—Tras moitos días traballando, xa tocaba (risas). Sobre todo sinto orgullo de que Narón sexa un destino, tanto motor industrial como cidade para vivir. Os veciños din con orgullo que son de aquí. Xa aparecemos no mapa.