Os dous decenios prodixiosos de Nova Galega de Danza reviven na memoria colectiva de «Berro»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida NARÓN / LA VOZ

NARÓN

Concello de Narón

A compañía estreará novo espectáculo o sábado en Narón

26 sep 2023 . Actualizado a las 11:38 h.

Os compoñentes de Nova Galega de Danza sopran as candeas do seu vinte aniversario. E a compañía celebra estes dous decenios prodixiosos cun novo espectáculo que se estreará o sábado en Narón (Pazo da Cultura, ás 20.00 horas). Co nome de Berro, recupera a memoria colectiva nunha viaxe que «amosa a importancia da esencia ancestral: a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa».

 Ao corpo de baile habitual da compañía (cun premio Max como Iván Villar ou os seleccionados Ricardo Fernández e Inés Vieites) únese o propio director de Nova Galega de Danza, o ferrolán Jaime Pablo Díaz. El mesmo recalcou, na presentación celebrada onte en Narón: «Quixemos darlle unha volta ao que levamos facendo tantos anos». Sharon Fridman, director artístico de Berro e cunha traxectoria iniciada no seu Israel natal, explica que na obra «hai como retallos da memoria que necesita a comunidade para unilos e acadar de novo unha muiñeira; o que fixemos é coller pasos moi básicos e articulalos en diferentes composicións». Fridman —que tamén tivo un premio Max á mellor coreografía— únese a unha montaxe que despois viaxará, o 28 de outubro, a Ourense e, o 2 de decembro, a As Pontes.

 Na presentación en Narón, o director da axencia Agadic, Jacobo Sutil, quixo destacar o labor dun concello que «acolle moitas estreas; e iso di moito e moi ben do traballo que se está facendo». Nese aspecto, a alcaldesa, Marián Ferreiro, celebrou a posibilidade de retomar a programación do Pazo con esta estrea. Na produción colaboran Xunta, Xacobeo, Padroado da Cultura de Narón, concellos de As Pontes e Valdoviño, Laboratorio Escénico COOP e Escena Galega.