Marga Rodríguez Paz, ecoemprendedora: «A limpeza en modo ecolóxico xera benestar e aforro, temos moitos clientes de Narón que recordan que así mercaban cando eran nenos»

Bea Abelairas
Bea Abelairas FERROL

NARÓN

Marga Rodríguez e Javier Marcal, na súa tenda
Marga Rodríguez e Javier Marcal, na súa tenda JOSE PARDO

Nesta tenda hai todo tipo de deterxentes a granel, sen aditivos perxudiciais, tamén produtos artesanais: «Acaban de chegar unhas esponxas feitas con celulosa e cáscara de froitos secos» 

27 nov 2023 . Actualizado a las 19:12 h.

Fai tres anos que 4 Eco Narón abriu nunha rúa que mira cara o Pazo da Cultura. Unha iniciativa comercial cun trasfondo repleto de sentimentos. Marga Rodríguez Paz quixo embarcarse, xunto co seu compañeiro Javier Marcal, nunha tenda que mellorase o entorno e que xerase benestar aos clientes. «A limpeza é fundamental e tras ter un pequeno dinme conta do complicado que era atopar produtos que non foran agresivos ca pel ou, a roupa que nos poñemos e o noso entorno, porque todo o que cae na ducha termina na ría», conta nun espazo que se atopa no 28 da rúa Rafael Bárez.

—Que cambia cando se limpa cos produtos da tenda?

—A limpeza en modo ecolóxico xera benestar e aforro e temos moitos clientes de Narón que recordan que así mercaban cando eran nenos. Primeiro porque cando temos pequenos estamos máis seguros porque cando se usan outros deterxentes que poden deixar residuos e os nenos chupetean todo... Ademais non contaminan e como renden moito a xente compra unha vez para varios meses.

—Hai demanda?

—Estamos satisfeitos, moita xente prefire mercar a granel. Curiosamente temos moitas persoas de idade avanzada que recordan que así mercaban os seus pais. Xente maior que vén cos seus propios botes e que nos conta que estaba farta de acumular plástico e tirar tanto bote, porque esa é outra: o tamaño da bolsa de lixo tamén se reduce, e iso é clave. O plástico apenas se recicla, por moito que nos digan.

—Como escollen a mercancía?

—Formamos parte dunha rede de tendas pequenas coa mesma filosofía e entre todas abonamos as patentes dos produtos. Ademais, cada espazo incorpora cousas que lles parecen interesantes: no noso caso temos champús sólidos artesanais, todo tipo de alternativas para a hixiene menstrual feminina e moitos outros artigos... Acaban de chegar, por exemplo, uns estropallos e cousas de limpeza feitas con celulosa con cáscaras de froitos secos. Tamén temos tapas e envoltorios de silicona e moitas opcións con lufa e esparto que son máis sanas que os panos e esponxas de sempre.

—Para todo tipo de gustos...

—Cos deterxentes temos a opción de mercalos sen perfumes para engadir despois a esenza que cada persoa prefira, témolas nós ou tamén se poden poñer unhas gotas de aceite esencial de lavanda, por exemplo.

—¿É necesario levar sempre o envase?

—Aquí temos reposto de sobra, porque cando comezamos puxemos unha caixa fóra da tenda para que a xente deixase os recipientes. A verdade é que nos deixaron un montón. O que facemos é hixienizalos ben para que se poidan volver usar, pero o curioso é que agora xa case todos os clientes veñen cos seus botes e levan o que necesitan. Como son produtos concentrados duran un montón.

—¿Cal é o máis vendido de todos?

—As solucións para a casa, tanto para lavar a roupa, como un deterxente que leva acondicionador incorporado. E o limpador multiusos, que se vende moito pola súa versatilidade e eficiencia. Penso que cando se proba xa se percatan de que non compensa voltar aos artículos de limpeza industriais de sempre. Os champús sólidos tamén van moi ben. Lástima que as cremas para o corpo e cara non se poidan vender a granel polas súas características de conservación.