O Concello propón para o día 12 un espectáculo de narración oral sobre o Nadal
04 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Co obxectivo de fomentar a conciliación e a socialización en galego, o Concello de Narón impulsa o día 12 deste mes un espectáculo de narración oral. Celebrarase ás 17.00 horas no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, e o prazo de inscripción xa está aberto para esta actividade adicada ao público familiar do programa Apego (organizado para a socialización de nenas e nenos en galego).
Este Nadal con Apego foi presentado este martes pola concelleira de Normalización Lingüística, María Lorenzo. Segundo a representante municipal, «a iniciativa contará coa colaboración de persoas que participan nos grupos de Memoria do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, que lles contarán como vivían o Nadal cando eran pequenos, como o festexaban, as cancións que cantaban, se tiñan moitos agasallos… e tamén recordarán curiosidades desas datas, anécdotas e algunhas panxoliñas, enchendo de maxia unha xornada ideada para compartir historia e ilusión entre diferentes xeracións».
Trátase dunha acción gratuíta na que para participar hai apuntarse a través do correo electrónico a.pita@naron.gal, indicando o nome da actividade, o nome e idade do neno ou nena e do acompañante, enderezo electrónico e teléfono.