O alumnado naronés adica a súa homenaxe ás vítimas do Holocausto

La Voz NARÓN / LA VOZ

NARÓN

Alumnos do Santiago Apóstol, con representantes de Memoria Histórica Democrática e da corporación
Alumnos do Santiago Apóstol, con representantes de Memoria Histórica Democrática e da corporación Cedida

Acto de acendido das velas co Concello, Memoria Histórica Democrática e colexio Santiago Apóstol

28 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Como xa é tradición grazas á colaboración entre a Asociación Memoria Histórica Democrática e o Concello de Narón, o alumnado deste municipio celebrou onte o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto. Os rapaces de cuarto curso da ESO do colexio Santiago Apóstol foron os encargados este ano de participar na cerimonia de acendido de seis velas polo recordo dos asasinados polos nazis.

En representación do Concello, o voceiro de Terra Galega (formación que goberna en Narón) recordou que «esta é unha homenaxe a eses milleiros de persoas, moitas da nosa comarca, que foron vítimas inocentes do goberno da Alemania nazi pola súa raza, relixión, creencias políticas ou orientación sexual». Román Romero indicou que «estas persoas resultaron cruelmente asasinadas e non debe quedar no esquecemento».

O presidente de Memoria Histórica (que leva 25 anos facendo estas actividades co Concello), Manuel Fernández Pita, recalcou que «este é un concello sempre amigo, axudando e dando eses ánimos que en ocasións tanto se precisan». E o historiador Enrique Barrera repasou ante os alumnos a historia «dos seis millóns de xudeos asasinados, do millón e medio de menores que perderon a vida nas cámaras de gas, dos españois asasinados nos campos de concentración, dos restantes colectivos perseguidos polos nazis como discapacitados, esclavos, homosexuais…»