Sedes, a xoia descoñecida de Narón: «A escola ten cinco alumnos, cun neno menos corremos o risco de pechar»

NARÓN

Con 104 anos, é un dos centros educativos máis antigos da comarca e tamén o de menor matrícula
07 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.No corazón de Sedes, terra de loitadores, agóchase a escola máis antiga e con máis historia da comarca. Naceu en 1921 grazas ao indiano Francisco Sabín, que regresou de Cuba para montar o primeiro colexio de nenas en toda a ría. E leva máis dun século de clases nunha casa con encanto, horta e un mural de Leandro Lamas na entrada. Pero o tempo xoga en contra de Sedes, unha das tres escolas do Colexio Rural Agrupado (CRA) de Narón. «Agora hai cinco alumnos, como teñamos un neno menos no vindeiro curso corremos o risco de pechar; se non temos matrícula seguir abertos é moi díficil», indican a directora do CRA, Lucía López; e a profesora Berta López.

Estes días celebran xornadas de portas abertas (17 febreiro ás 16.30, e 10 de marzo pola mañá chamando ao 626 422 048). As cinco familias matriculadas aseguran que «non cambiamos Sedes por nada, é unha xoia descoñecida que fai actividades conxuntas coas outras escolas do CRA (O Val con 96 nenos e Domirón con 45)». Ana Belén Ferreiro ten nesta escola centenaria, que imparte Infantil de tres a seis anos, á súa filla Nina Crespo: «A titora é xenial, edúcanse na natureza, a aprendizaxe é colaborativa entre diversas idades, a atención personalizada; a miña nena adora a profes e compis, forman unha pequena familia». Engade Verónica Pérez, nai de Iago que xa rematou Infantil e de Xabi, que «o maior saiu con seis anos empezando a multiplicar».

Destacan as profes que «aquí están nunha aula mixta todos xuntos, non hai Primaria e queríamos ter polo menos ata segundo, hai dous anos eran dez alumnos e por primeira vez quedamos en cinco». As familias chegan aquí «sorprendidas mesmo pola súa existencia e por ver nenos tan felices». Este curso xa contan co servizo de madrugadores. Segundo Cristina Maceiras, nai de Rafa e Asun, «aquí están contentísimos, as miñas fillas maiores tamén viñeron». E Alberto López Porta, pai de Hugo, destaca que «visitamos todos os coles da comarca ata atopar aquí esta xoia á vangarda na educación».

Sedes comparte especialistas co resto do CRA (inglés, educación física, música, audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica, relixión...) «nun entorno de confianza onde se atende a evolución de cada neno, un día podes saír ao campo a levar unha píntega (un anfibio) e outro os máis pequenos queren aprender a sumar como os maiores».