Adeus a Antía, «nómada da memoria» que tardou 70 anos en recuperar ao seu pai o maqui Vicente Peña Terrassa

NARÓN

Filla do loitador antifranquista asasinado en 1949, Antía Peña Díaz loitou para exhumalo na fosa común do Val do Dubra e enterralo en Narón
20 jun 2025 . Actualizado a las 18:44 h.«Somos nómades da memoria, buscando pastos e mananciais, abrigo e primaveras, ulindo o aire, saboreando o ambiente, perseguindo restos doutros seres»... Os fermosísimos versos que inician a esquela neste xornal de Antía Peña Díaz, nacida en 1931 e falecida estes días, amosan como foi a vida de loita desta muller xa enterrada no cemiterio municipal de Narón. O seu pai era o militar e guerrilleiro antifranquista Vicente Peña Terrassa, asasinado polas forzas de seguridade do franquismo en 1949. E non foi exhumado na fosa común do Val do Dubra ata 2016, sendo entregados os restos á familia en 2018. Polo camiño, pasaron case 70 anos de loita ata que Antía logrou enterrar ao seu pai en Narón.
A asociación cultural Memoria Histórica Democrática lamentaba onte o pasamento desta muller, e transmitía unha forte aperta á súa filla Pim Patinho, aos seus irmáns e ao seu xenro Xoán López (que este xoves volvía de participar na Marcha Global de Gaza). Vicente Peña Tarrassa, coñecido como Pedro Borrás, foi un mariño condeado a morte polo bando nacional tras o inicio da Guerra Civil, obrigado a combatir no bando de Franco, afiliado ao PCE, partícipe da folga do aceite... E finalmente membro da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. Cando foi abatido pola Garda Civil, ía acompañado doutros tres maquis que tamén foron asasinados. Os catro corpos acabaron nunha fosa común do cemiterio de Páramos (Val do Dubra).

Na colección Retallos da memoria, a cargo da asociación Memoria Histórica Democrática, a súa historia aparece relatada pola propia Antía Peña. Ela recordaba que «eu cheguei ao mundo coa República, na primavera do ano 1931; dicíase entón que os nenos e nenas seriamos os que cambiaríamos a mentalidade do pobo a través da escola». Falaba dos seus pais «María Pilar Díaz Rascado e Vicente Peña Terrassa (el nacido en 1904 en Palma de Mallorca en 1904) como unha parella nova, namorada e amante dos fillos; fixéronme feliz durante catro anos, el levábanos de excursión polas montañas cercanas, dándonos clase de botánica e mineraloxía; ela ensinábanos cancións e xogos».
Coa chegada da Guerra Civil e a posguerra, Vicente foi perseguido e botouse ao monte. Aínda así, sendo maqui, «chegaba como por arte de maxia a casa, aínda que os perigos a sortear deberon ser terroríficos». Ata que un día un veciño confesoulle que mataran ao seu pai xunto con outros compañeiros: «Ninguén comprendería que eu preferiría ver o meu pai morto a que o colleran vivo e o someteran a tortura, pero rompín a chorar desconsoladamente pois morto o meu pai acabárase o mundo». Agora descansan os dous despois de tanta loita sendo como di a esquela de Antía «nómades de soños, de vidas, nómades de futuros incertos».