
Será o aperitivo, o 2 de setembro, da Festa do Pan, que se celebrará ao día seguinte
14 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Neda xa ten o cartel para a celebración da Noite de Bolos, que serve de aperitivo para a Festa do Pan. Actuarán na noite do sábado 2 de setembro Virginia Red, TanDub e Lamatumbá. Os concertos serán no paseo marítimo de Xuvia.
A Festa do Pan, declarada de Interese Turístico de Galicia, chega á súa edición número 33 durante o domingo 3 de setembro. Pero xa antes haberá a Noite de Bolos a partir das 21.30 horas, cunha programación que arrancará «coa rock band local Virgina Red, que en apenas tres anos de vida ten sacado varios singles e tocado nalgúns dos festivais e salas máis importantes da provincia».
A continuación, «tomará o relevo sobre o escenario TanDub e o seu singular son, froito da fusión da música tradicional do norte de Marrocos con outros xéneros como o reggae, drum&bass ou dub». E como colofón nada menos que uns míticos como Lamatumbá, que regresan aos escenarios despois dun parón de doce anos.
Segundo o Concello de Neda, «trátase dunha das bandas máis recoñecidas dos últimos tempos, referente da mestura de estilos e xéneros cos ritmos tradicionais galegos». Nas cancións de Lamatumbá «pálpase a ledicia e as gañas de troula, propias das verbenas máis enxebres do país». As súas letras van acompañadas «na maioría das ocasións, de crítica social ou dun enaltecemento da tradición galega, como se pode comprobar no xa himno popular Licor café». Inmellorable prolegómeno o do licor café antes de probar o mellor pan de Neda e as súas empanadas.