Neda propón crear un dique para «xestionar os riscos de inundación»

La Voz NEDA / LA VOZ

NEDA

Veciños de Neda e voceiros dos grupos municipais, na presentación do informe sobre as inundacións por parte do goberno local
Veciños de Neda e voceiros dos grupos municipais, na presentación do informe sobre as inundacións por parte do goberno local Cedida

O informe do goberno local tamén aposta por un sistema telecomandado desde o encoro para pechar as comportas

08 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Para loitar contra as inundacións nos ríos Belelle e Basteiro, o Concello de Neda propón a construción dun dique lonxitudinal alto: «Unha mota que eleve uns 90 centímetros o borde do río ao longo da canle que alimenta os muíños do Carballo e de Moncho, e entre estes muíños e o Belelle». Esta sobreelevación tamén constituiría unha senda para a correcta inspección e mantemento do cauce.

Así aparece no informe municipal presentado onte polo goberno local aos portavoces da oposición e aos afectados pola riada. Coincide con Augas de Galicia en que «o fundamental é regular o reparto de caudais entre os dous cauces, nun 80 % Belelle e nun 20 % Basteiro». E recorda que nos episodios de augas altas «se invirte a lóxica topográfica, como consecuencia da orixe artificial do Basteiro, cuxo caudal é froito do conglomerado de canais, axudes, aliviadoiros e muíños entre Ponte Pename e Santa María».

Eliminación das presas

Ademais do dique, outra proposta do informe do Concello (elaborado por Ingeniería Integrados) é «eliminar os azudes existentes (presas)», para rematar coas retencións no Belelle e as derivacións a Basteiro. Por último, propón un sistema telecomandado desde o encoro para pechar (no caso das crecidas) as comportas de canais de todos os muíños existentes e coordinar os alivios de auga embalsada.

Segundo o Concello de Neda, «é posible que non se atope unha solución 100 % efectiva, xa que a marea non é controlable, pero haberá que traballar na idea de retrasar os efectos e os acontecementos críticos o máximo posible».