Xosé Carlos Breixo: «O despoboamento é a peor lacra do rural, temos que enfrontalo con ideas e proxectos»

ORTIGUEIRA

Breixo, no escolar de San Claudio
Breixo, no escolar de San Claudio MARI CARMEN GARCÍA SAN ISIDRO

Historiador e cronista oficial de Ortigueira, reclama o apoio das Administracións para entidades como a que preside e para reverter a situación do rural

21 may 2022 . Actualizado a las 19:35 h.

Xosé Carlos Breixo (San Claudio-Ortigueira, 1960), preside a Asociación Cultural Libro Vivo de San Claudio desde o 19 de marzo. Entre 1999 e 2019 xa fora secretario da entidade, que ten a súa orixe no ano 1975, cando se constituíu o Teleclub. Un dos integrantes daquel colectivo era Gerardo Durán Chao, «delegado da Sociedad de Instrucción, Recreo y Auxilio Mutuo San Claudio, que custeou a construción do edificio escolar desde A Habana», conta Breixo. Libro Vivo naceu no 1980.

—Cal é o principal valor do antigo escolar de San Claudio?

—O valor patrimonial é un dos nosos motores, sobre todo dos que estudamos nese edificio e dos que na actualidade participan. Desde o curso 1936-37 alugouse ao Concello para escola de nenas e nenos (antes estaban separados: Tras do Río, de nenos, e da Feira, de nenas). Varias xeracións aprenderon a ler e a escribir nesa escola, os nosos pais e os nosos avós. E tamén nos sentimos herdeiros do labor dos nosos emigrantes na illa de Cuba.

—En canto á historia...

—O edificio comezouse no ano 1921, coa colocación da primeira pedra, o 11 de xullo, cos fundadores presentes, o que sería presidente de honor, Luciano Pita Sánchez Boado, e o mestre e poeta Vitoriano Taibo. O deseño foi obra do delineante ortigueirés Ángel Martínez Lage, da saga dos de Román, afamados artistas. O construtor foi Manuel Rodríguez, inicialmente, aínda que Darío Aguiar rematou algúns detalles. Levou as contas e a xestión Vicente Peña, avó de Vicente Peña Saavedra, amigo e compañeiro de escola, e actual responsable do Museo Comarcal do Ortegal, que ten a sede neste antigo centro académico.

—Somos conscientes do peso real que tivo a emigración?

—Si, e non hai máis que ler a tese doutoral de Peña Saavedra, Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar. La impronta educativa de la emigración transoceánica en Galicia, publicada no 1992, para darnos conta da importancia do traballo dos nosos emigrantes no alén mar, para crear unha rede de escolas onde non as había cando se marcharon para A Habana e outros países de América. A sociedade é consciente do valor [...], se ben as institucións oficiais, entre elas os concellos, non deben deixar de colaborar no mantemento dos edificios e do que se fai, promovido, en moitos casos, por asociacións como Libro Vivo.

—Que papel xoga o museo?

—O museo foi e é un dos motivos polos que nos lanzamos a esta aventura cultural. Vicente Peña está elaborando o programa museístico para relanzalo. Xa se pode acceder ao noso historial desde SEPHE. Temos gran cantidade de material escolar e relacionado coa emigración e coa época na que se construíu e estivo viva a escola (ata 1975), que estamos catalogando. Mercamos material de protección para as vitrinas, e expositores para custodiar e expoñer os fondos. Entre os proxectos está a compra de material de seguridade, catalogación, dixitalización dos fondos e o uso das TICS para o acceso a eles.

—Outros plans da asociación?

—A finais do ano pasado e comezos deste tivemos a exposición Luces de Alén Mar. Vimos de celebrar a semana das Letras con éxito de participación. O 18 de xuño temos previsto un acto de recoñecemento e descubrir unha placa conmemorativa polo centenario do inicio das obras do escolar, que continuará con exposicións e conferencias. Queremos realizar ciclos de cine infantil, festivais musicais, seguir colaborando co Serán Careco, xuntanzas de antigos compañeiros da escola, exposicións fotográficas, cursos, actividades sociais... Está en marcha a recollida de material do CF Mezquita, equipo desta parroquia cun amplo historial na comarca [...]. A sociedade mantense coas cotas dos asociados, cinco euros ao mes, necesitamos ampliar esa masa social para poder manter viva a cultura na nosa parroquia

—Como manter viva a entidade co despoboamento do rural?

—O despoboamento do rural é a peor lacra que puido tocarnos, pero é a realidade e a ela hai que enfrontarse con ideas e proxectos sostibles, en colaboración coas institucións, ás que convidamos a coñecer iniciativas como as de Libro Vivo. Hai que axudar a integrar [...]. Concellos, deputacións e Xunta teñen moita responsabilidade no que pasou, no que pasa e no que pasará, tratar de reverter esa situación é tamén responsabilidade súa. Os veciños, neste caso de San Claudio, xa fan abondo.