Unha Ghaiteira xigante trae novos aires a Ortigueira

Patricia Hermida Torrente
P. Hermida ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

O novo mural da Ghaiteira en Ortigueira
O novo mural da Ghaiteira en Ortigueira Cedida

O mural creado por Lidia Cao e Cristian F. Caruncho xa está finalizado e súmase á obra descomunal da Punkiereteira

27 jul 2025 . Actualizado a las 18:30 h.

Dentro do marabilloso caleidoscopio de murais que acollen Ferrolterra, Eume e Ortegal, aparece agora unha nova incorporación. Ortigueira inaugurou esta fin de semana o mural da Ghaiteira, unha creación de Lidia Cao e Cristian F. Caruncho nun dos edificios máis altos desta localidade. A Ghaiteira acompañará ademais a outra creación dos dous artistas en Ortigueira, a Punkiereteira de casi 20 metros de altura.

Como indicou o Concello nas súas redes sociais, «queda definitivamente inaugurado o mural da gaiteira tola, que loce así de fermoso na rúa Reverendo Xosé Buide». A administración local quixo «amosar o noso agradecemento á Xunta de Galicia e especialmente á Consellería de Política Social e Igualdade, por facer posible que se siga apostando por esa iniciativa como modelo de embelecemento da vila». E tamén decidiu «agradecer a Lidia Cao e Cristian F. Caruncho o seu marabilloso facer».

Lidia é de Ordes e Cristian de Ortigueira. E a súa gaiteira xigante chega precisamente polo 50 aniversario da Escola de Gaitas de Ortigueira. A muller leva o traxe azul de gala de dita escola e posa ante un atardecer e cores rosadas.

Os dous artistas tamén fixeron unha creación no colexio José María Lage. A Ghaiteira súmase a outros murais que son iconos na zona como o Charanguista Andino, o mellor do mundo en 2024.