Cristian F. Caruncho, debuxante de cómic: «"O día de San Martiño" é un wéstern de porcos bravos ambientado en Couzadoiro»

ANA F. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

<span lang= gl >O autor ocupouse de todo o proceso, desde a creación ata o deseño da portada, desta obra autoeditada</span>
O autor ocupouse de todo o proceso, desde a creación ata o deseño da portada, desta obra autoeditada Harue Yamazawa

O día 15 presenta na súa aldea de Ortigueira a súa terceira obra longa, Premio Castelao de Banda Deseñada 2023

09 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A morea de amigos e seguidores de Cristian F. Caruncho (Couzadoiro, Ortigueira, 28 anos) anda algo nerviosa preparando os sombreiros de cowboy para a primeira, «e a máis especial», subliña o autor, presentación do seu novo cómic, O día de San Martiño, «un wéstern de porcos bravos ambientado en Couzadoiro», como o describe, o día 15 (18.30 horas) no teleclub da súa parroquia. É o proxecto co que gañou, no 2023, o Premio Castelao de Banda Deseñada, e no que leva mergullado dous anos.

«É a miña obra máis extensa, con 95 páxinas de cómic e material extra, ata as 104», sinala. Pero os personaxes centrais levan moitos máis anos con el: «Nacen cos fanzines de Historias de Rego Torto. O cómic, realmente, empeceino hai 11 anos, no 2014, cando aínda estaba no instituto; despois abandoneino, retomeino e acabei o guión, volvino abandonar... e no 2022 presenteino ao Premio Castelao (había que ter 18 páxinas de debuxos acabadas e unha sinopse completa), e se gañaba tiñas dous anos para poder acabalo».

Así foi, e o cómic, autoeditado, estará á venda desde o día 11 nas presentacións (que se van suceder por toda Galicia), por correo (pódese contactar a través das redes sociais) e nalgunhas librarías. Quen o merque en directo ou pida que llo envíe recibirá un exemplar personalizado cun debuxo do autor. Logo dos fanzines dos inicios viñeron algúns cómics curtos en libros colectivos; Grandarroiba (Demo, 2019), a súa primeira obra longa; e Saínza, a Punkiereteira (cun texto de María Canosa, publicado por A Costureira Edicións a finais de 2022).

Agora chega O día de San Martiño, onde reaparece Salustio, un vello apegado á terra, que se reencontra con Xan de Graña, «un veciño da aldea que foi vivir á cidade e que volve a Rego Torto convertido en sheriff de Medio Rural, e quere obrigar a Salustio a levar o porco ao matadoiro, pero Salustio non vai pasar por aí, quere matalo na casa coma sempre, e xorde o enfrontamento», resume. Insiste en que manda o humor, pero subxace a crítica social: «Xan quere levar as leis modernas á aldea... e aí falo das normas que intentan meter no rural para controlalo máis, e ao final, matalo».

Pero hai máis tramas, como as dos porcos bravos bandoleiros, inspirados nas películas de Sergio Leone; ou as doutros personaxes seus, como Cabaciña e Cabazote, que tamén son porcos bravos. Cristian optou pola autoedición: «Había editoriais interesadas, pero de momento prefiro a autoxestión, interésame máis». Ocupouse de todo o proceso, desde o deseño da portada á selección do tipo de papel (na empresa Lugami, en Betanzos, onde se imprimiu), coa axuda do seu amigo Brais Fierro nalgúns aspectos técnicos.

Debuxa con lapis e portaminas, e pinta con pincel e tinta china. «E os grises métollos co Photoshop. Intento facer todo o que podo manual, en analóxico, xa paso moitas horas diante do ordenador... Ralentiza, pero gústame máis o acabado e disfrútoo máis, e xa que é un traballo de moitas horas (entre dous e cinco días por páxina)...», conta. Agora sae da soidade da cova para gozar das presentacións: «É a parte social disto, falar cos compañeiros debuxantes e recibir o seu feedback, e cos lectores, e ver que lles parece...». En Couzadoiro serán benvidos os sombreiros de cowboy (Diego de Braelle estreará un tema escrito para este cómic).