Os poemas en galego de García Lorca, «hipnotizado» por esta terra, reviven da man do Ateneo de Pontedeume un século despois
PONTEDEUME

Xoán Rubia e Daniel Adzemian musicarán os versos e Henrique Alvarellos falará da relación co poeta granadino con Galicia, nun acto este venres
19 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O mugardés Xoán Rubia, acompañado polo guitarrista Daniel Adzemian, musicará os seis poemas en galego que escribiu Federico García Lorca, nun acto organizado polo Ateneo Fernán Martís, que será este venres, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume. Antes, o escritor e editor Henrique Alvarellos falará sobre a relación do poeta granadino con Galicia.
Alvarellos é o autor do libro «Federico García Lorca en Santiago de Compostela», publicado no 2020, no que reúne «toda a documentación que existe dos pasos de Lorca por Santiago e por Galicia, e a súa relación coa nosa cultura». Explica que tiña 16 anos cando visitou por primeira vez Galicia, nunha viaxe de estudos: «Quedou fascinado e escribiu nun diario: ‘Esto me hipnotiza'». «Estivo outras tres veces, no 32, para dar conferencias, unha xira teatral con La Barraca... e estivo en contacto con xente galega na Residencia de Estudiantes, en Madrid».
Alvarellos incide no interese de Lorca, «lector de Rosalía e doutros autores galegos», por esta lingua, a única (ademais do castelán) na que escribiu, os seis poemas que se poderán escoitar o venres e que publicou Ánxel Casal, da editorial Nós, hai cen anos. E subliña que o propio autor improvisou un recital destes versos en galego en Torrejón de Ardoz, no 36, dous meses antes de ser asasinado.