O novo libro de Sindo Vilariño: «Hai anacos da memoria colectiva de Pontedeume e da miña persoal»
PONTEDEUME

Mestre xubilado e membro fundador da revista «Cátedra», vén de publicar «Apuntamentos sobre a vida local eumesa»
04 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.No último número da revista Cátedra, da que é membro fundador, Sindo Vilariño (Pontedeume, 1954) relataba a historia de Antonio Leira Carpente (Pontedeume, 1911-Ferrol, 2000), «un preso eumés no gulag de Stalin». Licenciado en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela, diplomado en Comercio Exterior pola Politécnica de Madrid e en Cooperación ao Desenvolvemento e o Comercio Internacional pola UNED, este catedrático de Ensino Secundario xubilado vén de publicar Apuntamentos sobre a vida local eumesa, un libro editado por Espino Albar.
Como el mesmo explica no limiar, esta obra «xorde coa intención de dar a coñecer notas, datos, curiosidades e algúns artigos» que foi recollendo e elaborando durante anos, moitas veces a raíz doutros traballos que escribiu para Cátedra. Recolle «anacos da memoria persoal, familiar e colectiva». E tamén «datos e informacións obtidos a través de arquivos públicos e privados, hemerotecas, artigos e libros», que lle permitiron «reconstruír algunhas facianas da vida local», da súa «patria da infancia».
O autor mestura investigacións con «versións de feitos transmitidos oralmente, observacións directas e lembranzas que o tempo pode ter deformado». Recolle temas relacionados coa historia, a economía ou a socioloxía local —«tentei manter un certo rigor na análise e recollida de información»—, e tamén feitos, anécdotas e sentimentos que se remontan varios anos atrás —«hoxe están esvaecidos polo paso do tempo, e outras persoas puideron vivilos de modo diferente»—.
Agradecementos
A lista de agradecementos é longa. Primeiro, di, aos amigos que o animaron a publicar o libro. «Pero non podo deixar de nomear a varias persoas que, co seu traballo e as súas achegas e publicacións, poucas veces recoñecidos socialmente, son a base das fontes que utilicei para darlles forma a estes apuntamentos», subliña. Cita a Juan Sobrino —«puxo sempre á miña disposición, de xeito desinteresado, o seu fondo documental e orientoume nas miñas pescudas»— ou a Carlos de Castro, Alexandre Caínzos e Xesús Andrés López Calvo —«colegas e amigos do consello de redacción de Cátedra, que me iluminan e orientan cos seus coñecementos»—.
Alude, ademais, aos historiadores locais Juan Carlos Vázquez, Manuel Domínguez, José F. Correo e Carola Macedo; e mesmo aos traballos dos historiadores da comarca Bernardo Máiz, Xosé Manuel Suárez e Esperanza Piñeiro de San Miguel. Igual ca aos documentalistas e investigadores Xavier Brisset e Antonio Leira Noche, sen esquecer a outros autores e persoas que compartiron con el «as súas memorias e lembranzas». Ás veces, Vilariño atopou inspiración na Historia de Pontedeume de Antonio Couceiro ou na triloxía Vidas de infancia do «amigo» Ramiro Fonte. E sempre contou «coa paciencia» da súa familia, a súa axuda «na corrección dos textos» e acompañamento nas súas «neuras de reconstrución da memoria e de aspectos diversos da vida local». Dos erros faise responsable el.