Cantareliña, 40 anos dun sono para a música de Galicia

RODRI GARCÍA SAN SADURNIÑO / LA VOZ

SAN SADURNIÑO

Contraportada do disco da primeira edición de Cantareliña, cos gañadores, Ave Rábade e María do Cebreiro, arriba
Contraportada do disco da primeira edición de Cantareliña, cos gañadores, Ave Rábade e María do Cebreiro, arriba CEDIDA

«Mentres canten os meniños, Galicia inmorrente», o lema do certame de canción infantil alumeado en San Sadurniño

12 jun 2023 . Actualizado a las 11:52 h.

«Coma sempre, baralláronse moitos nomes ata que Cantareliña foi o que máis gustou. Como lema quedamos co que presentou Miguel: Mentres canten os meniños Galicia será inmorrente. Reflectía perfectamente a intención última do que pretendiamos facer. Quere dicir, á inversa, que o día que os meniños non canten, Galicia terá morrido. Así se expresaba o noso colaborador en Lugo, Moncho Reimunde (La Voz de Galicia, 8 de marzo de 1984)». Isto escribía no ano 2007 Ramón Díaz Raña, cura de San Sadurniño entre 1971 e 1990, sobre o nacemento de Cantareliña, o primeiro certame de canción infantil que se fixo en Galicia.

Para a iniciativa contou con Regina Cinza e os irmás Miguel e Martín Sanjurjo, compoñentes do mítico grupo Saraibas. «Parecíalles ben, pero imposible. Eu era máis optimista. Tiña ao meu favor o haber visto na RAI, estando en Roma polos anos 69-70, un concurso de cancións infantís que me chamara poderosamente a atención (…) Din convencido ao grupo Saraibas e tirámonos ao baleiro. Así foi de verdade. Non tiñamos nada en absoluto onde agarrármonos. Só a nosa teima», contaba Ramón, falecido en 2022.

A súas lembranzas foron recollidas por Víctor Rico no grupo de Facebook Eu vivín Cantareliña, xunto con moitas das novas do certame publicadas por este xornal.

Seis mil folletos deron a coñecer as bases da primeira edición de Cantareliña en colexios de toda Galicia e centros culturais de España e varios países de Europa e Sudamérica. Apuntáronse 23 grupos que tiñan que facer unha canción con letra e música inéditas. E o 4 de xuño de 1983 empezaron as eliminatorias na Coruña xa que só dous grupos por provincia participarían na final. Ourense, Lugo e Pontevedra tamén tiveron a súa fase previa e así chegou o 2 de xullo: os xardíns do pazo de San Sadurniño acolleron a primeira edición de Cantareliña.

Nabarquela

O grupo Nabarquela, de Lugo, foi o gañador coa canción Chámome don polbo, un texto orixinal de Helena Villar e Xesús Rábade. Abe Rábade, hoxe recoñecido músico de jazz, e a escritora María do Cebreiro, formaban parte de Nabarquela. O primeiro certame tiña un presuposto dun millón de pesetas (6.000 euros) das que 585.000 repartíronse en premios aos oito finalistas: das 200.000 ao grupo gañador ata as 25.000 para o oitavo. Ademais das axudas oficiais, os dous mil asistentes doaron 70.000 pesetas para a organización.

Non foi a única sorpresa para os organizadores: a casa Polydor gravou o disco Cantareliña coas oito cancións finalistas e dúas máis escollidas entre os participantes. O traballo tivo unha gran aceptación e ao ano seguinte xa non era doado atopalo no mercado. Cando se publicou, en novembro, Nonito Pereira acolleu o disco con ledicia e nunha crítica publicada en La Voz de Galicia escribía: «Buen trabajo que esperamos de unos resultados muy positivos para que la música y las canciones gallegas no queden estancadas en el pasado y busquen los horizontes del futuro a través de nuevas generaciones que, además de hacer voces, ofrecen un estupendo campo a los compositores». E remataba o crítico musical dicindo: «En Cantareliña está un poco ese futuro del que depende la música y canción gallega y con ella parte importante de nuestra cultura».

«Sementar galeguidade»

«Hai que sementar galeguidade», escribía Xosé Chao Rego falando, entre outras, de iniciativas coma Cantareliña e lembrando o poema que fixo popular un dos grupos do momento, Fuxan os Ventos: Sementar sementarei, / loguiño de clarear / en tanto no pobo medre / un meniño, un vello e un cantar. Xa entón a idea dos organizadores era institucionalizar esa semente de galeguidade que era Cantareliña, por exemplo coa formación dun padroado, para que o seu futuro non dependera da situación e dispoñibilidade do grupo organizador.

En Saraibas non se consideraban donos de Cantareliña, pensaban que tiña que ser algo que cada galego sentira como propio: «Soñamos con que Cantareliña chegue a ser a gran festa dos nenos galegos; soñamos con que a final se vaia celebrando en distintos sitios de Galicia, e que os nenos pasen un día xuntos, falando e cantando en galego; esperamos que os que senten ferver nas súas veas sangue galego e, sobre todo, os que teñen medios para que a Galicia do futuro viva sen traumas e sen complexos, aporten o seu gran de area», deixou escrito Ramón Díaz Raña.

Tres anos despois, os Premios da Crítica recoñecían a Cantareliña como a mellor iniciativa cultural galega, aínda que o aviso chegou a última hora e a ningún dos organizadores lle daba tempo de acercarse a Vigo a recollelo. Persoeiros da cultura galega como Filgueira Valverde, Ramón Piñeiro ou Siro López amosaban o seu apoio a unha iniciativa novidosa e chamada a ser a canteira para os grandes grupos da música galega dos oitenta: Milladoiro, Fuxan os Ventos, Saraibas, e unha longa lista.

Quinta edición

Na quinta edición, unha folga de mestres fixo que non se puideran celebrar as eliminatorias e 17 grupos estiveron na final en San Sadurniño. O esforzo dos organizadores era enorme cada ano, os apoios económicos non medraban e en ocasións os encontros con cargos autonómicos, incluído o presidente da Xunta, eran desalentadores. Con todo, o certame aguantou outros tres anos máis, en total oito edicións.

No remate das súas reflexións sobre o que supuxo Cantareliña, resumidas en pouco máis de media ducia de folios, como fondo da escrita de Ramón Díaz Raña, parecen soar eses centenarios versos de Pondal levados ao Himno: Os bos e xeneroros / a nosa voz entenden / e con arroubo atenden/ o noso ronco son, / máis só o os iñorantes/ e féridos e duros, / imbéciles e escuros / non nos entenden, non.

Por iso falando da presentación do libreto-disco de Cantareliña no ano 1990 rematou as súas reflexións «coa tristura de que poida que sexa a derradeira edición»… «felicitarnos todos porque a Cantareliña será para sempre a lembranza dun tempo ledo e un dos puntos de apoio para o futuro da nosa terra. Amén».