A música, os xogos, o deporte rural e as merendas marcaron a xornada
02 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O Festival do Río Castro volveu encher Naraío de música de raíz, xogos, deporte rural e merendas. A Asociación de Veciños O Castelo de Narahío cifra o custe desta edición en algo máis de 26.000 euros. O colectivo conta coa colaboración da Deputación e do Concello de San Sadurniño.
Polo día houbo animación para todos, con sesión vermú, xogos para os rapaces, un home orquestra e o campionato de deportes rurais por equipos, e á noite, concertos de Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre, Os Carapaus e Mekánika Rolling Band.
Unhas vinte persoas, entre membros da directiva da asociación veciñal e colaboradores, participaron na loxística, con apoio da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Narón. A organización habilitou aparcamentos nas zonas do Eirexado e da Veiga, para cando se esgotaron os principais, situados na Pena.