Fene, San Sadurniño, Ortigueira e Cerdido celebran as Letras con monicreques, música e faladoiros
SAN SADURNIÑO

Cerdido renderá homenaxe a Severino Trinquete Solloso, o venres
15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os actos das Letras Galegas botan a andar nalgúns concellos. Este xoves (18.00 horas), na biblioteca municipal de Fene poderase ver o espectáculo de monicreques para nenos Güegüe, de Barriga Verde. Inscricións no centro. En San Sadurniño, a praza de Ramón Díaz Raña converterase este venres (18.00 horas) nun espazo para a música, o baile e a oralidade, da man das escolas municipais e do artista Xisco Feijoó, que achegará a súa proposta Traede ferrallada!.
«É unha iniciativa do cantante, bailador e coreógrafo, a medio camiño entre un concerto didáctico e unha foliada», explica o Concello, na que poderá participar activamente quen leve instrumentos ou «calquera tipo de ferralla sonora». Na biblioteca de Ortigueira inaugúrase o venres a exposición Letras Galegas 2025: Cancioneiro popular galego.
Severino Trinquete Solloso
O Concello de Cerdido rende tributo a Severino Trinquete Solloso, «nado en 1869 e unha das personalidades fundamentais no impulso cultural e educativo do municipio no século XX». Haberá un acto no cemiterio, o venres (18.00), e unha conferencia de Xosé María Dobarro Paz, catedrático da Universidade da Coruña (UDC), na área do Castro, sobre este xornalista e activista social. Tamén intervirán o alcalde, Alberto Rey; a conselleira de Cultura, Amalia Rodríguez; e Santiago Rodríguez, dinamizador cultural.
Trinquete Solloso «emigrou a Cuba de novo e alí destacou como comerciante e activista cultural galego», segundo destaca o Concello. Na Habana rexentou unha papelería e participou en publicacións como «Suevia», da que foi fundador, e «Galicia». También colaborou en revistas como «Bohemia», «El Hogar», «Letras» ou «Labor Gallega».
O goberno local engade que «presidiu a sociedade Pila Ancha, impulsora da construción das escolas da Avispeira e do Castro (indiana), e foi tesoureiro da Unión Redencionista Galega». En 1915 retornou a Galicia, enfermo, e ao ano seguinte faleceu. No 1917, a sociedade Pila Ancha rendeulle nhomenaxe cunha lápida conmemorativa no cemiterio de Cerdido.