Castelao dará nome á rúa na que están a Casa da Cultura, o centro de saúde e o cemiterio de San Sadurniño
SAN SADURNIÑO

Unanimidade no pleno á proposta do goberno local, que serve de homenaxe ao intelectual galeguista no 75 aniversario do seu pasamento
30 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A rúa que vai da avenida Marqués de Figueiroa ao pavillón municipal, pasando por diante da Casa da Cultura, o centro de saúde e o cemiterio parroquial de San Sadurniño, levará o nome de Castelao. Este foi o principal asunto do pleno municipal deste xoves, unha proposta do goberno local que contou co apoio de PP e PSOE.
«A iniciativa vén motivada pola necesidade de poñerlle un nome máis axeitado a unha vía que, en realidade, son dúas unidas, aberta hai case seis anos, pero tamén polo desexo do Concello de renderlle tributo ao intelectual galeguista no 75 aniversario do seu pasamento», explican fontes municipais. Trátase dunha rúa de 174 metros, de sentido único de circulación.
Ata agora, nos documentos urbanísticos figura como dúas rúas, A e B, e o goberno local, do BNG, entende que «se debe unificar baixo unha denominación que, ademais, teña unha carga simbólica». O alcalde, Secundino García, resaltou a figura de Castelao como «a principal referencia política e cultural da historia contemporánea de Galicia», e destacou o seu compromiso «coa lingua, a cultura e os dereitos nacionais».