San Sadurniño, paixón por Castelao cunha rúa que leva o seu nome e a súa famosa figura en metal
SAN SADURNIÑO

A peza colocada polo Concello representa súa fermosa autocaricatura de 1914
24 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.San Sadurniño xa conta cunha rúa adicada a Castelao, despois dunha emotivo acto celebrado o pasado venres e coincidindo co 75 cabodano do ilustre debuxante, escritor e político. Ademais, no mesmo día presentouse o libro Castelao, desta terra e deste tempo (de Manuel Rei Romeu na libraría Brétema) e representouse a peza Pegadas de Castelao de Migallas Teatro. E durante todo o mes pode visitarse no Concello a exposición Castelao, 75 cabodano.
Na memoria deste «persoeiro clave da nosa historia polo seu compromiso galeguista», descubríase o venres a placa que lle dará o nome de Castelao á rúa que pasa por diante do centro cultural, o centro de saúde e o cemiterio. Deste xeito, o Concello dáballe cumprimento formal ao acordo plenario adoptado o pasado mes de xaneiro para nomear á rúa que vai desde a Casa da Cultura ata a rotonda do pavillón municipal.
Coa placa aparece unha figura recortada en metal que reproduce a famosa autocaricatura de 1914 «onde o político aparece con sombreiro, cun cigarro nunha man e a outra metida no peto da americana». O tótem de ferro quedará colocado no pequeno xardín dianteiro da Casa da Cultura. O historiador e ensaísta Francisco Rodríguez destacou que «a cerna do seu pensamento está encadrada na consideración da Galicia como nación, a defensa do dereito de autodeterminación e o federalismo antiimperialista».