San Sadurniño revalida a Bandeira Verde polo compromiso co medio ambiente
SAN SADURNIÑO
O alcalde recibiu a enseña outorgada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
16 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Este é o segundo ano consecutivo en que o Concello de San Sadurniño recibe a Bandeira Verde de Galicia, que outorga o Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. É un recoñecemento á excelencia na xestión ambiental e acredita «o compromiso co medio ambiente e a sostibilidade, a xestión responsable do territorio e a mellora da calidade de vida».
O xurado destacou o carácter transversal das políticas do Concello e o feito de «superar amplamente os requisitos mínimos esixidos para a súa categoría, o traballo continuado do municipio en materia de planificación ambiental e a implicación activa da cidadanía nas distintas iniciativas».
O alcalde, Secundino García Casal, manifestou a súa satisfacción por este novo recoñecemento e subliñou que a Bandeira Verde de Galicia «é un premio colectivo do que debemos ter fachenda todas e todos, despois de tantos anos apostando por un modelo de desenvolvemento que busca ser sostible e respectuoso co entorno»”.
«A sostenibilidade non é unha meta puntual, senón unha forma de entender a xestión pública e a relación co territorio. Estamos nese camiño, xunto con toda a veciñanza», engadiu. E o concelleiro de Desenvolvemento Local, Manolo Varela, salientou que San Sadurniño «segue a ser un referente, demostrando que desde o rural tamén se pode innovar e poñer en marcha proxectos que compatibilizan a conservación do medio e o desenvolvemento».
O edil explicou que «moitas das accións recoñecidas teñen continuidade no tempo e forman parte dunha estratexia global que combina economía circular, enerxía limpa e participación cidadá».