«Sempre foi un éxito, vese que ten moito tirón»

LAURA CHAOS / A.V.

VALDOVIÑO

Diego Barcia en la línea de meta de la Baixada de Carrilanas.
Diego Barcia en la línea de meta de la Baixada de Carrilanas. CEDIDA

A competición de Valdoviño acolle este ano o primeiro Mundial de Carrilanas

09 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Este verán cúmprense 27 anos desde a primeira edición da Baixada das Carrilanas, e ese é tamén o tempo que leva Diego Barcia á cabeza deste particular pero divertido evento deportivo. Tras varios anos puntuando para a Copa Española e para a Copa Europea, a edición de 2025 marca un feito histórico: Valdoviño acolle o primeiro Mundial de Carrilanas. Nesta ocasión competirán polos trofeos un total de 54 carrilanas, que sairán hoxe ás 18.00 horas do Graño, percorrendo 1.207 metros ata chegar á liña de meta, a capela de San Mamede. Coma cada ano, a cita estará acompañada doutras actividades lúdicas, coma pode ser a festa da escuma ou o XI Festival do Karaoke.

— Canto tempo leva organizado a Baixada de San Mamede? Como foi a experiencia?

—Nesta edición cúmprense 27 anos desde que comecei a organizalA. De momento afortunadamente foi un éxito, a verdade é que o publico responde dunha forma incrible. Houbo anos que coincidiu cun calor abrasador e acudiron igualmente en masa. Vese que é algo que interesa, ten moito tirón.

—Houbo cambios na organización ao longo dos anos? Mantense a esencia?

—O que é a configuracion é basicamente a mesma. Ao longo dos anos vaslle dando unha volta para poder mellorar as cousas, pero sempre traballamos sobre mesma base.

—Este ano Valdoviño acollerá o primeiro Campionato do Mundo de Carrilanas. Que supón este feito histórico?

—Como somos a carreira federada máis antiga de España, vamos arrincar con isto, que nunca se fixera en ningunha parte, en certo modo vamos ser os «coelliños de indias». Por un lado é un orgullo, pero por outro desexaríamos deixar pasar uns anos para que se consolidase.

—Vén moita xente de fóra para desfrutar das Carrilanas? Que expectativas de afluencia hai?

—Si, hai xente de diversos puntos de España: temos galegos, asturianos, vascos, das dúas Castelas… Tamén vén xente de toda Europa, hai franceses, belgas… Temos un pouco de todo.

—Nesta edición participarán 54 carrilanas. É esta unha boa cifra?

—Para nós é a cifra ideal. Sempre loitamos porque sexa entre 40 e 50 competidores, máis que nada para que sexa un evento áxil e que o público non se canse de ver pasar aparellos. É mellor a nivel loxístico e tamén a nivel de atractivo para o publico, senón faise moi monótono.

—Cales son os competidores favoritos esta edición?

— Coma sempre, está o asturiano Christian Marugán, que é campeón de España e xa leva gañado aquí ata oito veces. El xa estivo na Copa de Europa e codéase cos internacionais. Sempre está pelexando, ten un nivel moi elevado.

—Pode dar alguén a sorpresa, ou xa está todo decidido?

— Claro que alguén pode dar a sorpresa, as carreiras son as carreiras! É algo moi impredecible. Calquera pode dar a campanada, pero el ten o circuíto moi ben estudado. Coñece todos os detalles e vai a moita velocidade. Pero quen sabe!