As escolas Monte da Guía, de Vigo, e Sequelo, de Marín, festexan cunha mostra o 18 aniversario do «debu» galego
15 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O pasado 18 de abril, Xabarín, o porco bravo máis popular da televisión entre os nenos de Galicia, cumpriu 18 años. A súa maioría de idade non pasou desapercibida, e aínda que o animado personaxe nado e crecido na TVG xa é adulto, segue conservando o mesmo espírito indómito e infantil co que naceu. Un dos fenómenos curiosos mencionados polos seguidores do programa é a súa forza como axente normalizador lingüístico, xa que os rapaces aprenderon a lingua e as expresións máis enxebres do galego grazas a personaxes da serie. E para agradecerllo están a desenvolverse diversas iniciativas particulares para festexar o 18 aniversario do Xabarín, como é o caso de dous centros de ensino da provincia de Pontevedra, o EEI Monte de Guía (Vigo) e o CEP de Sequelo (Marín), que se uniron para vivir unha celebración ao grande. A idea partiu dun grupo de profes destes centros baixo a coordinación de Jose Antonio Pazos, Mª Jesús Iglesias, Marta Carracedo e Elena Valle. «Nun primeiro momento organizamos actividades para o cole, pero despois ocorréusenos agasallalo cunha chea de retratos seus e invitar a
ilustradores», conta Elena.
Fin de semana no Marco
A resposta fou masiva. Artistas como Ramón Trigo, Kiko Da Silva, Carrabouxo ou Pepe Carreiro ate un total de 21 ilustradores galegos, deseñaron as súas versións do Xabarín. Algúns deles participarán este fin de semana no Marco na festa do Día dos Museos dirixindo talleres para nenos. O día do cumpreanos do Xabarín, ademais de organizar obradoiros de caretas ou cociña e cantar e bailar as cancións do salvaxe porquiño, expuxéronse as obras xunto ás que fixeron os nenos do centro. A mostra pode visitarse toda esta semana polas mañás. Ademais, as ilustracións da mostra pasarán a formar parte dun libro que terá textos de Marcos Calveiro e Alfonso Eiré e portada do seu pai artístico, Miguelanxo Prado. As actividades non cesan de sucederse e continuarán ate que cumpra 19. Todo vaise contando na web http://www.wix.com/eeimontedaguia/xabarin18.