«Que navegara a vela, na comarca, vivo, non queda ninguén máis»

ANA F. CUBA SAN CIBRAO / LA VOZ

FIRMAS

PEPA LOSADA

20 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

De neno, a José Correa González (San Cibrao, 1926), gustáballe durmir no barco que mandaba seu padriño, o Veiguela, un veleiro de tres paos que transportaba sal desde Levante e Cádiz. «Quedábame cando atracaba en Ribadeo. Era precioso..., xa me iniciaron de pequeno no mar». Comezou nun pesqueiro, o Don Tomás, aos 14 anos, ao rematar a escola. «Empecei na baixura con meu pai, de cho (grumete), facía a comida, a garda, de todo. O traballo era moi incómodo, iamos doce no rancho, nuns cinco metros cadrados, había que alar todo o peixe coa man e incluso facer a descarga e levalo á fábrica nun carro. Aquilo non me gustaba, como tampouco me gustou despois a vela», relata.

Pasaron dous anos ata que José se enrolou nun balandro: «O veleiro, María del Carmen, era de Fernando Pardo, de San Cibrao. Iamos por toda a costa cantábrica transportando madeira e carbón para os pesqueiros, que daquela funcionaban a vapor. Tiña 16 anos e andaba de cociñeiro». Pero a navegación a vela entrañaba «moitos perigos». «O problema non eran os temporais, o problema era que non te podías mover se viña un barco cara a ti», lembra. «Que navegara a vela (da comarca), vivo non queda ninguén», afirma.

Este home de mar relata o episodio de maior risco que viveu en máis de 40 anos de travesía, a bordo do María del Carmen: «Estabamos cerca de Vigo, viñamos con madeira de Camposancos, na Garda, e pasámolo mal. Íase achegando aquel buque tan grande e non nos podiamos apartar. Non nos vía, ou polo menos iso nos parecía. Iamos catro, un deles meu pai; eu era un pícaro..., vaia medo; pero ao final conseguimos movernos. Vin a meu pai moi asustado e iso influeume moito, o perigo era real». Pero a capacidade de superación da xente do mar pode con todo. «E cando xa pasou, un señor moi maior comentou que unha vez nun veleiro se atopara cun barco grande e veña a tirarlle cohetes..., e non se apartaba. Ata que se achegou e lle dixo ?patrón, ¿es fiesta mañana en tu pueblo??. E despois do susto aínda nos rimos ben».

Ao voltar da mili, en 1948, o grumete esqueceu a pesca e a vela para embarcar nun mercante da empresa Contenemar, na que traballou ata a xubilación, en 1984. «Transportabamos contedores (de laranxas, electrodomésticos, do que fora, e algunha cousa que nos apetecía colliámola). Era comodísimo, non te preocupabas de nada máis que de navegar, o persoal de terra facía as cargas e as descargas. O que non podías era durmir porque a calquer hora recalabas en porto», conta. Andivo de oficial e nalgún barco de cabotaxe, de capitán (co título de patrón maior) con dez tripulantes.

José bromea coa responsabilidade do capitán: «Tes medo por ti, non por os demais. Postos a saltar, primeiro saltas ti... Home, o do Costa Concordia foi demasiada comodidade». Percorreu o Mediterráneo, dende Canarias, e nunha segunda etapa atravesou o Atlántico, ata Bos Aires e Estados Unidos, no Magdalena del Mar. Recoñece que no barco «a vida, boa non é». «Non había distraccións, nin televisión... En navegacións longas a xente ponse nervosa e violenta». Pero el repetiría. «Segurísimo que volvería a dedicarme ao mar».