
O investigador mexicano José Manuel Mouriño recrea a primeira rodaxe do director fóra de Rusia
18 jul 2012 . Actualizado a las 11:25 h.Andréi Tarkovski (1932- 1986) anotou no seu diario unha cita de Goethe: «Quen queira entender ao poeta debe viaxar á terra do poeta». José Manuel Mouriño (Puebla, México, 1978) cumpriu coa máxima e botou máis de catro anos percorrendo as localizacións orixinais nas que Tarkovski se inspirou para rodar a súa primeira película fóra de Rusia. O resultado é o documental Los días blancos. Apuntes sobre el rodaje de Nostalghia (Andréi Tarkovski). Mouriño explica hoxe a súa experiencia no curso audiovisual da Fundación Casares en Celanova.
-¿Como definiría o seu traballo?
-É unha especie de apunte ou caderno de viaxe sobre unha serie de circunstancias que tiveron lugar durante a rodaxe de Nostalxia, a primeira película de Tarkovski fóra de Rusia, e a importancia vital deste proxecto na súa obra.
-Rodou na casa de Tarkovski en Rusia, nos espazos de Italia onde se filmou e incide en aspectos como o uso que el facía das polaroids ou as micropaisaxes.
-Todo iso foron elementos transcendentais na súa obra e quixen darlle toda a importancia que tiveron no conxunto da súa produción cinematográfica.
-Tivo a honra de ter a axuda dun dos mellores guionistas da historia ¿Como foi o trato con Tonino Guerra?
-El foi o responsable de que Tarkovski rodase en Italia e el, ademais de aparecer no documental, foi o que me puxo en contacto co resto das persoas que aparecen: dende Andréi Tarkovski fillo a Norman Mozzaro, axudante de dirección na película, ou a Andrea Crisanti, o escenógrafo.
-Afirmou en varios foros que a obra do director está máis viva que nunca.
-Queda moito por descubrir na obra de Tarkovski. Co paso do tempo cada vez é máis valorada.
-O documental pasouse en Rusia, Madrid e no Festival de Cine de Málaga. ¿Que compromisos ten agora?
-No outono estarei co traballo en Londres e na Filmoteca de Cantabria.