A candidata socialista di que foi unha sorpresa ir no segundo posto
13 oct 2012 . Actualizado a las 19:46 h.Patricia Vilán (Soutomaior, 1970) recibe na sede do PSdeG-PSOE de Pontevedra entre acto e acto e mentras pon ao día a axenda electoral. Estréase nunha campaña en primeira liña -milita desde o 2004- e pese ao axetreo di que polas noites é capaz de desconectar. Esta muller será unha das caras novas no Parlamento porque o número dous da candidatura asegura a súa presenza pase o que pase. Fala rápido e sen titubeos.
-Chegamos ao ecuador da campaña. ¿Como vai?
-A verdade é que a campaña vai moi ben. Estamos moi ilusionados e temos moita confianza en poder acadar uns resultados posibles para gobernar. De feito, na última enquisa do CIS especificamente dise que hai un 49 % de persoas que queren cambio en Galicia e a alternativa do cambio en Galicia é o PSOE e Pachi Vázquez.
-¿Hai tempo para conciliar estes días? Nada, pouco, algo...
-Tempo hai pouco porque ao longo do día son varios actos. Na precampaña xa foron algúns e agora moitos máis. A verdade é que é complicado. Pero pola miña banda eu teño sorte porque xa concilio na miña vida habitual e estou relativamente acostumada.
-E pola noite, costa conciliar o sono ou se soña con política...
-A min persoalmente non me costa. Chego cansada e estou acostumada a traballar con presión. Son capaz de desconectar, durmir e descansar o pouco que poida descansar.
-Para moitos foi unha sorpresa a súa inclusión nun posto de saída dos chamados seguros. ¿Para vostede tamén o foi?
-A min propúxoseme a posiblidad de formar parte da lista, non se me propuxo ir en ningún sitio en concreto. Eu sempre que o partido me pide facer algún traballo para o que consideren que estou capacitada para facelo a miña resposta sempre é que si. Despois, polas circunstancias de como se configuraron as listas, donde decidiu a executiva provincial e despois a comisión nacional de listas, quedei de número dous. Para min foi unha sorpresa quizais o número, pero non ir na lista.
-Por primeira vez a cidade aporta dous nomes en teóricos postos de saída para o 21-O...
-Para min é tamén unha satisfacción ir de dous porque significa que Pontevedra ten dous candidatos entre os dez primeiros, o dous e o sete, e iso é moi importante para a cidade.
-Pero ese escano número sete que correspondería a Xosé Manuel Civeira parece estar en xogo...
-Nós cremos que o número sete vai saír, así nolo din as nosas enquisas. Imos acadar o mesmo resultado ou incluso mellor que nas anteriores autonómicas. Para Pontevedra é un respaldo á capitalidade da cidade e á importancia que ten dentro da provincia. Se gobernamos imos defender a Pontevedra estando os dous, e se non fora así facendo oposición para canalizar as reivindicacións da cidade, pero tamén as do conxunto da provincia.
-Vostede non ten experiencia institucional previa. ¿Impón o Parlamento?
-Para min é un honor representar a Pontevedra no Parlamento. O meu traballo vouno facer o mellor que poida e xa me estou fixando moito no resto de políticos que levan moito tempo na carreira para poder aprender deles todo o que poida. Respecto, pero medo non teño, se non non aceptaría o reto.
-A máxima do PP é a contención do gasto para destinar máis recursos a sanidade, educación e servizos sociais, que son «intocables». ¿Que lle suxire?
-Como mínimo sorpresa. Porque a súa política, aparte de conter o gasto, supostamente, toca a educación, a sanidade e os servizos sociais. De feito, a educación é de peor calidade que hai tres anos e medio. O mesmo pasa coa sanidade e os servizos socias. O investimento nestes eixos é moi escaso por parte da Xunta. É verdade que a situación de crise é moi importante e temos que ser realistas. O que hai que saber é de onde sacamos os cartos para poder manter estes tres piares do Estado de benestar.
patricia vilán lorenzo número 2 na lista do psdeg-psoe por pontevedra
Solteira. Vive en parella con dous fillos
Licenciada en Dereito pola USC
Avogada
Chevrolet, «non sei o modelo», di