A guía analiza a situación actual do problema en Galicia e en España
18 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Directa ou indirectamente, Manuel Isorna está estes días no candeleiro, xa sexa polo libro que ven de presentar, polo risco que corre de desaparecer o programa de drogodependencias que coordina nos municipios do Baixo Ulla-Sar ou pola polémica entre os alcaldes pola concesión do premio Reina Sofía a ese programa e o feito de que só fora a recollelo o rexedor de Catoira. Diso último Isorna non quere falar: «¡Esas son cousas dos políticos!», así que a conversa xira polos outros vieiros.
-¿Corre o risco de desaparecer o programa pola falta de axudas?
-A día de hoxe está sen firmar o convenio do 2012. Comprometéronse, pero levamos así todo o ano. Depende de Sanidade, e ao principio dicían que si, agora xa non din nada. Cando preguntamos á Fegamp [Federación Galega de Municipios e Provincias, que coordina as axudas] din que non saben nada.
-¿Adiantou Catoira os cartos?
-Si, así é. O programa leva 16 anos e participan os concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rois e Valga. Antes recibíamos 80.000 euros, e sempre ía en aumento. Nos últimos catro anos foise reducindo, e a última vez deron 50.000 euros. Estaba traballando outra persoa máis e dende outubro xa non lle renovaron. Sería unha perda tremenda, o traballo está aí recoñecido en todos os ámbitos, e pasaron políticos de todos os partidos e todos o valoraron. Vimos de recibir o premio Reina Sofía e o ano pasado, o terceiro premio da Femp [Federación Española de Municipios a Provincias].
-E de supor que a maiores da satisfacción profesional hai tamén unha satisfacción persoal ao longo destes anos.
-¡Moitas satisfaccións! Foron 16 anos, a unha media de 3.000 alumnos por ano. En total, 15.000 alumnos, e non sabemos se seguirá... Hai rapaces de máis de vinte anos que os atopo pola rúa e xa non os recoñezo e que me dan as grazas, que ao mellor pasaban por un momento complicado, pola separación dos pais, ou con problemas de alcoholismo, e recoñecen que lles din outra opción e que os animei a coller outro camiño... ¡Claro que é satisfactorio!
-Pero non vos limitades a traballar nos centros de ensino, ¿non si?
-É un programa moi ambicioso, traballamos tamén na escola de pais, facemos consultas privadas, imos as autoescolas e ás empresas... É moi innovador. Nas empresas aproveitamos as horas que teñen de prevención de riscos, e temos levado ao xefe de Oncoloxía para falar do tabaco, ou temos charlas sobre consumo de drogas e a súa relación co absentismo laboral.
-Relacionábase o consumo de drogas cos anos de bonanza e de enchenta. ¿Baixa agora coa crise?
-Todo o contrario. Consumíase heroína cando non había emprego, e logo pasouse a cocaína cando había cartos, despois o botellón polo que fora, e agora coa crise hai un tremendo desamparo a nivel persoal que deixa moitas pegadas, e ese malestar transmítese ao entorno, pero en vez de cocaína se consumen drogas máis baratas, como o hachís ou o alcohol. Agora hai un repunte seguro de consumo, pero non é tan evidente, vaise notar a medio ou a longo prazo. A maioría dos consumidores de cannabis o están cultivando nas súas casas. Pero se subimos a tabaco e non controlamos outras drogas accesibles... ¡Levamos anos dando paus de cego!
manuel isorna folgar autor dun libro sobre drogodependencias
«O noso programa atendeu 15.000 alumnos, e non sabemos se o ano que vén seguirá»
«A maioría dos consumidores de cannabis o están cultivando nas súas casas»