Silverio Rivas: «A escultura é para apalpar»

Nacho Mirás Fole

FIRMAS

Oscar Vazquez

O rapaz que calaba vendo ao artista Camilo Nogueira cumpre 70 anos

25 nov 2012 . Actualizado a las 10:35 h.

Setenta anos. Un bo momento para botar a vista ás orixes e unir os puntos que levarían ao fillo do carpinteiro Rivas a ser o escultor admirado que hoxe é, París por medio; o gran conversador de ollos de mar e dedos de precisión; o creador de formas; o transformador de materia; o rapaz que quería ser como Auguste Rodin e acabou sendo Silverio Rivas.

-¿Que quería ser de pequeno?

-Sempre me atraeu a capacidade de transformar cousas. Cando viñemos para Vigo, meu pai instalou o taller na esquina da Gran Vía coa rúa Bolivia. Alí había un escultor que era imaxineiro. Sorprendíame como tallaba e transformaba a madeira. Eu miraba, pero nunca me atrevín a falar con el. Logo descubrín a Camilo Nogueira no Calvario e pasaba horas na súa porta mirando como traballaba, como transformaba a pedra. Ata que un día me dixo: «¿Gústache?»

-Logo da formación en Vigo e en Madrid, ¿París era a peaxe imprescindible do éxito?

-París e Auguste Rodin eran as referencias cando comecei. Eu quería modelar coma el e fixen cousas próximas a iso. Decidín marchar a París no 72 influenciado por Rodin, logo por Henry Moore ou Arjípenko. Pero a primeira vez non funcionou. Marchei coa idea de traballar con algún escultor. Alguén me dixo que falara co pai de Jean Paul Belmondo, o actor, que era un home da liña de Rodin que saía moito na tele. Pero Belmondo non era o que eu pensaba, así que me puxen a traballar nun taller de ebanistería co meu irmán Manolo e co meu cuñado. Nese tempo tiña case trinta anos e pensaba que aínda non podía ofrecer nada. Iso foi mudando no 79, fun notando que maduraba. Voltei a París nunha furgoneta e din cun marchante belga que mercaba todo o que facía. Naquel tempo eran pezas pequenas, tiñan que caber no coche do marchante para pasalas sen declarar a Bélxica.

-Pero hoxe vostede é home de obra colosal. ¿A crise obriga a retornar ao formato pequeno?

-Tiven unha etapa de pezas domesticadas que xa pasou, non hai que mirar para atrás. Sempre me gustou a escultura ao nivel dos exipcios, a escala. A pirámide exipcia non é unha cousa prepotente, é o máis poético que hai.

-Pero as Administracións xa non teñen cartos para a poesía esculpida...

-Nin as Administracións nin os clientes das galerías. É unha época mala, as galerías pechan. Pero iso é conxuntural e a escultura é unha cousa de longo percorrido. Eu teño que seguir producindo porque se non, non o paso ben. Sigo a traballar como se non pasara nada, teño amigos con talleres que me prestan infraestrutura e vou facendo.

-Obras grandes requiren espazos grandes, públicos...

-Sempre me interesou o espazo público. E a escultura ten que ter aí unha escala ou desaparece. Defendo o concepto de esculturas habitables, a xente ten que entrar nelas, como se entraba en Luxor ou Karnak. E tocar as obras. Henry Moore dicía que a escultura é para tocar, para apalpar.

-Leopoldo Nóvoa contoume que visitaba as súas obras cando podía coma quen visita fillos espallados polo mundo. ¿Vostede tamén?

-Tamén. E fago xestións cando toca limpalas. Cando as vexo sempre modificaría algo en todas, pero xa teño asumido que é unha manía; non quere dicir que co que cambiara mellorase a obra. Non se pode actuar sobre o que xa está feito.

nacho.miras@lavoz.es