A cantante, recén chegada dunha xira por Brasil, presenta o seu último disco nun «formato íntimo» no auditorio da Illa
07 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.? Que Uxía cante na Illa xa case non é unha nova. É a terceira vez neste ano. Pero como ela di, «cada vez é diferente, cada vez ten o seu aquel». Nesta ocasión, recén chegada dunha xira por Brasil, revisitará o seu último disco, Meu canto, acompañada tan só polo seu inseparable Sergio Tannus.
-¿Cómo son estes concerto de «Meu canto de Nadal»?
-Moi íntimos e moi achegados ao público. Fago as cancións de Meu canto, algunhas do novo disco que editei con poemas de Manuel Antonio e algunha que outra novidade. En principio só se ven conmigo Sergio Tannus. O que pasa é que ter a Sergio no escenario é como se levases unha orquestra (sorrí). Ademais, no auditorio da Arousa subirán a cantar con nós un par de temas as pandereteiras da asociación cultural Dorna.
-Ven de actuar durante vinte días en Brasil, ¿como chega?
-Cargada de ilusións. A conexión con Brasil é total e cada vez que vou doume conta da cantidade de cousas que alí podemos facer. Desta volta estivemos en Rio, Sao Paulo, Campinhas... E creo que abrimos as portas para facer unha xira xa moito máis ambiciosa no vindeiro ano.
-¿Aspira a converterse en «brasilega» como Sergio Tannus?
-Claro que si. Ser brasilego é un sentimento. E ese xa o teño.
-E a terceira vez que actúa na Illa no último ano. ¿Que lle dan?
-Actuar na Illa sempre é especial e cada concerto é diferente. Nótase o agarimo.
-¿Haberá unha segunda edición de «CoraSóns»?
-Claro que si. Xa case temos listo o disco que sairá en primavera. E a intención, por suposto, é presentalo na Illa.
-Antes haberá que celebrar o décimo aniversario de «Cantos na Maré», o 12 de xaneiro no pazo da Cultura de Pontevedra.
-Por suposto, vai ser un concerto moi emocionante. Imaxínate, imos contar de novo con Chico César que xa participara na primeira edición na praza da Ferrería. Quen nos ía dicir que dez anos despois poderíamos volver a estar xuntos. Ademais estarán o portugués Rui Veloso e o mozambiqueño Cheny Wa Gune. Está claro que a conexión lusófona está máis viva cada día.