A cousa non está ben. No autobús en que volvo á casa, unha señora quéixase do caras que están as uvas para Noitevella, e a súa interlocutora dille que nunca con tantas ganas se van tomar. Estaba rabiosa, que por primeira vez na súa vida tragaraas para esquecer ó que se vai e non por darlle a benvida ó entrante. Poucas veces hai tanta ansia por despedir ano semellante, e todos os amigos con que falo coinciden en que non foi bo para ninguén, ata os poucos que asinaron algún contracto, fixérono sen tempo definido.
Un dos casos máis curiosos de todos é o dos conserxes da Deputación Provincial de Ourense, que ata hai escasos meses entraban a padas con contractos sine die, e presumían os do goberno provincial de empregar xente ata para ficar apostados ó lado das fiestras, mentres os mestres interinos quedaban a velas vir -tanto estudiar e ¿para que?-, e agora o señor presidente anda rogando con eles polos concellos coma quen vende froita verde.
Un dos síntomas de que a cousa non está ben é cando hai que afrontar cambios a todo correr, ou cando a todo un profesional como o meu médico de cabeceira, xa lle avisaron de que a moito non tardar terá que facer uns cursiños acelerados para aprender a expender facturas polo seu servicio.
Perdemos dereitos os de aquí e vergoña os de enfronte. Todo vai subir, segundo nos anuncian cos números por diante, desde a autopista á electricidade, e ata o viño, o pan e os pasteis de María Antonieta. A universidade e os colexios, sexan públicos ou privados han de pagar o tal IBI por moito ben social e cultural que sexan, pero seguirá exenta a Igrexa para que Deus lles perdoe.
Perdémolo todo e por perder ata perdemos habitantes, neste noso país de anciáns, uns porque morren, outros porque non nacen e os máis porque, volvendo ó costume de sempre, «este vaise e aquel vaise e todos se van».
E outro dos síntomas do mal ano é que ata os cargos outrora vitalicios, como o de Dean da Catedral, perde todo privilexio como un vulgar funcionario con oposición e anos de experiencia, e foi despedido por ter fe nun empregado de toda a vida. Hai uns anos todo se resolvía cuns golpiños no peito e un par de Avemarías, pero agora, para certas cousas, nin os curas teñen fe en Deus.
Cando un par de anos atrás me preguntaban onde pasaría os días de asueto, había moitos que se escandalizaban porque ía para a miña casa a descansar, e agora, cando nunca os hoteis foron tan baratos, con prezos de saldo e ofertas de encanto, a xente é máis remisa a pasar unha noite fóra, e estráñase de que haxa quen malgasta durmindo de hotel cando hai tanto en que empregar a nómina, e tal é así, que se andan queixando os hostaleiros de que, con respecto ó ano pasado, que tamén foi malo, este aínda é peor.
Por todo isto e por moito máis, creo que nesta Noitevella imos facer un esforzo para celebrar que remata tan mal ano, a pesar de que o que se nos promete para o vindeiro non é aló moi esperanzador, e para máis, é de mal número.
Tomaremos estas uvas pero sen ira, para que non esganarnos, á fin, o proletariado é a clase social que máis batallas perdeu e segue en pé.