![](https://img.lavdg.com/sc/npjXX2tMTaNF1iBP7v6-Y5yPmnY=/480x/2013/01/05/00121357333253729249927/Foto/.jpg)
A asociación conta a súa existencia cun espectáculo que viaxará ata Portugal
05 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Xurxo Souto dirixe a emisora de radio Ponte nas Ondas, provisionalmente situada onte no auditorio Mar de Vigo. O músico coruñés anima aos rapaces a participar nas diferentes actividades incluídas na escaleta do programa, pero a diferenza das radios convencionais, Ponte nas Ondas permite facer conexións audiovisuais vía Internet con Brasil, Portugal e outros puntos de Galicia. É o «radiovisual».
«Ponte ao vivo permítenos mostrar os contidos do libro Na Ponte e, ao mesmo tempo, facer unha serie de obradoiros en directo», explica Santiago Veloso, presidente da asociación cultural Ponte nas Ondas.
O espectáculo percorrerá diferentes localidades galegas e portuguesas coa súa escenografía de radio antiga. Onte, na representación interactiva cos espectadores, participaron vía videoconferencia Manuel Campo Vidal, Carlos Blanco, Xosé Manuel Budiño, o cantante brasileiro Lenine e Rocío Pereiro, xornalista galega que cando era nena participou nas primeiras edicións da radio interescolar promovida por Ponte nas Ondas.
Xunto ao espectáculo, Ponte nas Ondas, en colaboración con PAI Música e o estudo Casa de Tolos, ven de publicar un libro-disco-deuvedé que recolle a historia e as actividades impulsadas pola asociación cultural transfronteiriza. «O libro está escrito en galego pero xa estamos preparando edición en portugués, para difundir por Portugal e Brasil, en castelán e en inglés, porque estamos a participar en varios proxectos europeos e necesitamos unha ferramenta de presentación», explica Santiago Veloso.