O pazo de Martelo e o Cuartel Vello perfílanse como sede da Fundación Castelao

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

SIMÓN BALVÍS

A entidade aceptou de bo grado o ofrecemento do Concello de Rianxo

05 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha das cousas que quedou clara nos actos de homenaxe a Castelao que se celebraron este domingo en Rianxo é que a súa fundación atravesa un momento de transición. A primeira mostra disto foi a elección dun novo presidente, Carlos Mella, que terá a responsabilidade de impulsar e reconducir o futuro da entidade despois de máis de dúas décadas nas que Avelino Pousa Antelo foi a súa cabeza visible. E o segundo cambio importante ten que ver co traslado da sede da Fundación Castelao a Rianxo, un ofrecemento feito polo Concello que os membros do padroado aceptaron de moi bo grao. O pazo de Martelo e o Cuartel Vello son dúas das opcións que se valoran.

O alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, explicou que a decisión aínda non está tomada e que se buscará un espazo adecuado para habilitar a sede a trasladar os fondos bibliográficos e o material da Fundación Castelao. A proposta seralle traslada a todos os grupos da corporación, mentres que o padroado aceptou a iniciativa sen reservas: «Todo o mundo saudou coma o máis natural que a sede estea en Rianxo», sinalou o rexedor.

Pola súa banda, o padroado aceptou o ofrecemento para trasladarse á vila de Castelao e comprometeuse a facer o posible por dinamizar ese novo centro unha vez que inicie a súa andaina.

Novo presidente

No que respecta ao novo presidente, os membros da fundación coincidiron en sinalar que Carlos Mella é un candidato moi acaído tanto pola súa traxectoria -de feito é membro fundador da entidade- como polo feito de que se trata dunha persoa «que suscita moitas adhesións». Neste sentido, desde a institución explicouse que o da Fundación Castelao é un padroado moi variopinto, no que teñen cabida todo tipo de ideoloxías, e confían en que a figura de Mella « permita a convivencia entre as distintas sensibilidades que o forman».

Este papel xogouno ata hai ben pouco Pousa Antelo, e o seu sucesor terá o difícil reto de dar continuidade ao labor desenvolvido por quen presidiu a entidade durante 23 anos: «Avelino chegou a ser a única voz da Fundación Castelao ata tal punto que, coa súa perda, quedou un pouco orfa».

Acto de homenaxe

A decisión non foi fácil. De feito, a asemblea anual prolongouse máis do previsto e tivo que interromperse para realizar a ofrenda floral diante do busto de Castelao sen que se decidira aínda o nome do novo dirixente da entidade, de maneira que o acto estivo presidido polo alcalde rianxeiro e por Alfonso Paz-Andrade como presidente en funcións.

No seu discurso, falou tamén do momento de tránsito que está a vivir a fundación, que, afirmou, «vai seguir loitando con renovadas ilusións para manter vivo o facho de Alfonso Daniel», e dixo que esta responsabilidade é compartida «co Concello e coido que con todos os rianxeiros».

Antes de colocar unha cora de loureiro diante do busto de Castelao, tamén ofreceu unhas palabras o alcalde, que non deixou pasar a oportunidade de reivindicar a figura do intelectual: «Hoxe máis que nunca debemos aprender del, dos galeguistas, dos bos e xenerosos. Debemos aprende da súa integridade, da ética, da paixón pola política como xeito de facer posible o imposible. Contra o lixo e a corrupción, é preciso máis Castelao e máis Bóveda».

O acto tamén serviu para lembrar a figura de Pousa Antelo, «quen, mentres as forzas da idade llo permitiron, arengou este acto con ímpeto xuvenil», e do historiador rianxeiro Manuel Dourado.