«Os Pita Armada protagonizan catro fugas por mar na novela»

ana f. cuba O BARQUEIRO / LA VOZ

FIRMAS

En «Winnipeg» o autor narra «unha historia triste sobre a pesca e a represión», en torno a esta familia de Cariño

14 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A nova novela de Hixinio Puentes (O Barqueiro, 1952) «vai sobre a pesca e a represión e ten moito que ver con Cariño», resume o autor. En Winnipeg, o barco que fletou o poeta chileno Pablo Neruda, o 4 de agosto de 1939, dende o porto de Burdeos con destino a Valparaíso, ateigado de refuxiados españois, o escritor ortegán narra a historia de tres dos irmáns Pita Armada, de Cariño, represaliados polo franquismo. O sábado, ás 19.30 horas, preséntase esta obra na sala do concello, en O Barqueiro.

-¿Como soubo dos Pita Armada?

-Nunha ocasión o arqueólogo Xosé Lois Armada pasoume unha autobiografía de José Pita Armada, un dos tres irmáns que marcharon no Winnipeg; aí souben quen era esa familia, pero os seus nomes xa me bailaban na cabeza por lecturas sobre a represión na provincia.

-¿Cando atisbou a novela?

-Cando lin un artigo de Ramón Chao en La Voz sobre o Winnipeg entendín que isto entroncaba coa fuxida dos tres irmáns Pita Armada no boniteiro Arkale, de Cariño. Sumado á autobiografía de Pepe... aí vin a historia.

-¿Ten máis ficción ou historia?

-Ten moi pouca ficción, sería máis unha novela histórica porque os datos son moitos e verídicos, simplemente tratei de darlles un soporte literario.

-¿Como foi a investigación?

-Extensa, tiven que estudiar os tempos da República en España e na zona e tamén estudiei a pesca, que era o que a min me interesaba, un motor que movía a novela, a vida cotiá en Cariño. Tiven que analizar o mundo das asociacións políticas e sindicais. Os irmáns Pita Armada crearon o Sindicato de Industrias Pesqueiras e Derivados (SIPD), ese foi o seu delito... Naquel tempo en Galicia estaban nacendo as confrarías de pescadores para protexer ás viúvas e aos orfos do mar. Tamén estudiei a historia da Guerra Civil, a fronte Norte, onde eles estiveron, os sucesos do Arsenal de Ferrol... Nesta novela acontecen catro fugas por mar: saen de Cariño no Arkale nos primeiros días do alzamento nacional, hacia Francia; de Santander, nun cargueiro vasco ata Valencia, cando caeu a fronte norte; nun pesqueiro, o Quitapenas, desde Adra (Almería) ata Arxelia, onde sufren os campos de concentración franceses; e o derradeiro, no Winnipeg, que algúns denominan o barco da esperanza, fletado polo poeta comunista chileno Pablo Neruda, baixo control del e do SERE (Servicio de Evacuación dos Refuxiados Españois).

-Unha vez en Valparaíso...

-Recíbeos o ministro de Sanidade, Salvador Allende, recén nomeado, e que despois tamén aparece no presente da novela, o ano 1973, co golpe de Pinochet contra o Frente Popular, semellante ao que ocurreu en España.

-¿Voltan os Pita Armada?

-Vicente vén á voda do seu fillo Pancho, Francisco Armada Brage, que morreu en setembro, e xa lera a novela. Axudoume moito. Asentáronse en Chile e cando o golpe de Estado de Pinochet Pepe volve a fuxir e monta a fábrica de conservas que tiña en Chile en Canadá; os outros quedan, fartos de fuxir.

-E Cariño de novo na súa obra.

-Si, de feito moitos personaxes da novela saqueinos dos padróns municipais... O narrador é Manuel Pita Armada, un dos que se vai, o que artella o SIPD, que vai convocar algunha folga, e de aí a mala querencia da xente de dereitas anque o pai tiña unha fábrica de conservas...

hixinio puentes escritor de o barqueiro