«A volta á docencia a vivo como normal e moi agradablemente»

Elena Larriba García
Elena larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

FIRMAS

CAPOTILLO

Asegura que nin é unha retirada, nin ten planes de regresar a política activa

21 abr 2013 . Actualizado a las 13:19 h.

Guillerme Vázquez (Pontevedra, 1952) é un político de longo percorrido no ámbito nacional, autonómico e local. Despois de vinte anos de responsabilidades públicas no Parlamento Galego, no Congreso, no Concello e como portavoz nacional do BNG, regresou este mes con toda naturalidade á súa vida profesional como docente no IES Frei Martín Sarmiento. Non ten planes de volver á política activa, aínda que como el mesmo recoñece coa retranca que o caracteriza, «os camiños do señor son inescrutables».

-¿Como está a vivir a súa reincorporación á docencia?

-Primeiro, como algo normal. E segundo, moi agradablemente. Entre os compañeiros hai xente que coincidiu comigo naquela época e hai outra moita que non, e estou tendo un trato estupendo con todo o mundo.

-Despois de 20 anos terá que reciclarse, ¿cal é a súa materia?

-E obvio que é o que estou facendo. Hai que facer a aterraxe e, claro que si, reciclarte. As cousas mudaron e o tempo non pasa en van. Pero eu calculo que coa axuda dos compañeiros e o esforzo que eu poña, conseguireino. Como licenciado en Medicina, a miña rama é a sanitaria.

-Son malos tempos para o ensino público. ¿Cómo encontrou o seu centro? ¿Xa lle deu tempo a comprobar os recortes?

-O centro o encontrei perfectamente recoñecible. Efectivamente, son malos tempos para o ensino público e para todo o público. Son tempos de recortes que teñen a súa incidencia, pero non me deu tempo a visualizalos nestas dúas semanas.

-Agora terá máis tempo. ¿Xa lle botou o lazo ao BNG de Pontevedra para colaborar?

-Eu sigo militando no BNG. Sigo pertencendo ao consello nacional e ao consello comarcal. Pero, obviamente, a miña actividade política non vai ser a mesma que tiña hai pouco, nin por asomo. Sinceramente, no que estou máis centrado agora é na reincorporación á docencia. E, por suposto, como sempre, colaborarei no que teñan a ben os compañeiros de partido.

-¿Esta é unha retirada ou vamos volver a velo na política activa?

-Isto non é ningunha retirada. É unha etapa máis da miña vida. Simplemente, deixo de ter, neste caso, un cargo orgánico e regreso á miña profesión de docente. Non sei se está de moda facelo, pero a min paréceme o normal. Non teño ningún plan de regresar á política activa. Pero eu nunca vou deixar a política. É imposible. Dito iso. Como todo o mundo sabe, os camiños do señor, son inescrutables.

-As súas responsabilidades nunca lle impediron seguir vivindo en Pontevedra. ¿Cómo ve a cidade da que foi concelleiro?

-Esta é unha gran cidade para vivir. A estas alturas xa ninguén dubida que sufriu unha profundísima transformación para ben. Eu vivín aquela Pontevedra de non hai tantos anos, absolutamente invivible, da que fuxían os propios e estraños, medio deserta e abandonada, que nada ten que ver coa cidade dinámica de hoxe. Sufriu unha transformación na súa estrutura física e tamén na sociolóxica. Aquilo das familias dominantes foi desaparecendo para dar paso a unha vila máis democrática, máis de todos e todas.

-¿Lores ten relevo no BNG como alcalde de Pontevedra?

-Miguel está facendo un gran papel, ata onde eu sei non ten problema en seguir facéndoo e os pontevedreses decidirán. Cando algo funciona, non vexo cal é o problema. Se leva moito tempo é porque o fai ben.

-Tocou todos os paus da política ¿Onde se sentiu máis cómodo?

-Todas as tarefas as vives ben se as fas con cariño, con entusiasmo, no sentido de tentar transformar as cousas en positivo. As etapas son diferentes, pero en todas me sentín ben.

-¿Qué balance fai da súa etapa como portavoz nacional do BNG?

-Asumín ese posto encantado e teño que agradecer aos meus compañeiros a confianza renovada en dúas asembleas. Chegado o momento decidín que había que dar paso a outra xente. Foi un momento cheo de dificultades externas e dende o propio BNG, tamén. Pero eu vivina como todo, tentando facelo o mellor que puiden, dedicándolle o maior esforzo e tratando de facer as cousas ben.

-¿Despois desa travesía, séntese liberado?

-Non, para nada. Era consciente cando aceptei a portavocía do BNG da situación que tiñamos, das diverxencias políticas e ideolóxica para afrontar os problemas. Iso xa estaba incubado dentro do BNG e foi eclosionando, como todo o mundo sabe. O traballo político é duro e a política entendida como vocacional, non como un medio de promoción persoal ou de enriquecemento, é dura. Sobre todo para os que militamos en grupos que non estamos habitualmente no poder. Pero tamén digo que os cargos públicos ou orgánicos son voluntarios e o traballo é o que é.

-¿A fractura era inevitable?

-Iso é como preguntar se o divorcio de non sei quen puido evitarse. As cousas son como son e como suceden. Se fora evitable non tería sucedido.

-¿Que lle depara o futuro ao nacionalismo?

-O que queira a sociedade galega. Eu sigo absolutamente convencido de que Galicia non ten saída sen capacidade de decisión, sen soberanía en esencia.

-¿Esa é a bandeira para a reunificación?

-Non sei. Cada un ten que ter a súa. Un partido nacionalista é soberanista e se non é soberanista, non é nacionalista.

-¿Pensa que acentuando o independentismo o BNG vai recuperar o apio social que perdeu?

-Eu sempre defendín o que penso. As cousas hai que formulalas con claridade. O BNG o fixo moitas veces e tivo apoio social. Non sei si resta ou aumenta. É o que un pensa e ten que dicir a verdade. Non se pode ir mil pasos por diante da sociedade, nin tampouco ao mesmo ritmo ou por detrás. No plano municipal, aquí déronse batallas que podían non terse dado e adaptarnos ao que había. Para estar onde quenta máis o sol xa hai outros partidos.

-¿Que foi o último que twiteou?

-Un de Venezuela e outro sobre Cospedal, escraches e nazis. Non estou todo o día co Twitter.

-Falando de escrache. Lores sufriuno por aquilo da movida. ¿Xustifica o fenómeno de hoxe?

-O sufriu de forma inxusta. E aos sectores que hoxe levantan a voz non lles escoitei naquel momento criticar iso. Eu non teño que xustificar que a familia de ninguén teña que pasar iso. Eu non o faría. O que digo é que hai un debate absolutamente sacado de madre polo PP, interesadamente. E o que estamos vendo é xente moi duramente castigada polas súas decisións políticas.