«Esta primeira mostra nun museo galego a vexo de primeira división»

María Conde PONTEVEDRA / LA VOZ

FIRMAS

RAMON LEIRO

O creador cambadés expón desde mañá no Sexto Edificio unha ampla exposición individual co título «Lúa azul»

04 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A pesares dunha traxectoria de tres décadas que rompeu fronteiras, o artista galego Manolo Paz (Cambados, 1957) nunca había exposto de forma individual nun museo galego. O fai agora na mostra central do verán no Museo de Pontevedra, con obras que ocupan a planta baixa do Sexto Edificio. A exposición inaugúrase mañá, e ademais das esculturas de pedra que son a súa seña de identidade, as últimas con granito azul de Bahía, hai obras de madeira e metal e tamén pintura e fotografía.

-Dise que a Manolo Paz lle faltaba unha gran exposición en Galicia. ¿É esta?

-Pois de momento é esta. Non é unha retrospectiva, pero sen embargo é unha recopilación de obras representativas do meu traballo, con temas distintos de certas épocas miñas, con pezas moi escollidas para este sitio. É a miña primeira exposición individual nun museo en Galicia.

-¿E para ser a primeira nun museo galego, como a ve neste Sexto Edificio?

-A vexo de primeira división.

-O título, «Lúa azul», fai referencia ao fenómeno de dúas lúas cheas nun mes ou a terceira se hai catro nunha mesma estación.

-Si, hai dous anos que xurdiu ese tema, cando estaba traballando coa pedra azul de Bahía e se daba a casualidade que estaba facendo unha lúa de cor azul. O título é ese e se escolleu tamén porque o tema está bastante relacionado co mar, e a lúa afecta ás mareas, baixa moito máis.

-¿Hai obra feita expresamente para este espazo?

-Si, a obra máis antiga é do 86, pero hai outras deste ano. Houbo que adaptar a exposición ao sitio, porque algunhas pezas non se podían amosar polo seu peso. E entón optamos por utilizar as paredes como soporte. Con iso pretendemos que non perdera potencia a mostra e non deixa de ser unha gran exposición, tan preparada como si estivera no Guggenheim ou no MOMA, nos mellores sitios do mundo. Este é un espazo moi completo.

-No seu caso, non se pode dicir iso de «Menos da unha pedra»...

-Eu cando comecei quería traballar cos clásicos, o bronce, o mármore, pero non había cartos. O que había era gañas de traballar e facer cousas, ás veces o material é o de menos. O importante é o resultado. Á pedra hai que poñerlle o mesmo cariño que ao mármore, e ao principio é desagradecida, pero despois é agradecidísima. E os pulidos sacan máis contrastes que o mármore. A pedra sempre está aí e no meu caso iso de Menos da unha pedra non é verdade. A miña casa está feita de pedra, a catedral de Santiago tamén... O que hai é que darlle forma e iso é o que fixen viaxando. Pero aínda que estou coa pedra, non deixo de investigar con outros materiais.

-En plena crise, creou unha fundación para amosar o seu traballo...

-A creación nunca está en crise. Todo o contrario, basta que non teñas para utilizar máis a imaxinación. O tema da fundación é que o sitio estaba aí, as obras tamén, e sempre a idea é que quedara aí un espazo onde as obras puideran estar ao seu aire. A xente vén mirar as obras e a filosofía do proxecto e hai veces que coincide que estou eu.

manolo paz artista