«En Oleiros hai xente con medo, non hai liberdade»

Eduardo Eiroa Millares
E. Eiroa OLEIROS / LA VOZ

FIRMAS

PACO RODRÍGUEZ

O sindicalista considera desexable que o alcalde o seu equipo «practiquen máis as ideas nas que din que cren»

04 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A xunta de persoal do Concello de Oleiros é un organismo cuxo presidente, Xerardo García García (Oleiros, 1964), non recibiu precisamente aplausos nos últimos tempos desde o goberno local. As súas críticas en asuntos como o reparto da produtividade ou das axudas sociais aos traballadores non sentaron precisamente ben na alcaldía.

-¿Que pasou co debate das axudas sociais aos funcionarios?

-O noso desencontro co goberno local nese tema foi, primeiro, que non se convocou a mesa de negociación colectiva. Ademais, o cambio que se fixo foi retroactivo, e non é lóxico cambiar as regras de xogo a posteriori. É como amañar un partido.

-¿É boa a organización laboral no Concello de Oleiros?

-É mellorable, pero non é mala.

-¿En que é mellorable?

-Sería necesario acabar con situacións de agravio comparativo, como o reparto da produtividade, e igualar os niveis salariais co entorno.

-¿Cóbrase menos en Oleiros?

-Non, pero os niveis profesionais non son semellantes. Cada traballador pertence a un grupo e se algún día se pode concursar a outros concellos, a nosa categoría, no papel, é menor.

-Leva tempo pedindo que no Concello teñan en conta aos sindicatos.

-Sería desexable que os nosos gobernantes practicaran máis as ideas nas que din que cren. Aquí non hai negociación colectiva, si individual. A política de cara á galería é de monumentos e rúas a sindicalistas e políticos de esquerdas. Sería máis correcto que iso se practicara dentro do Concello, como seguramente dirían Carrillo ou Sampedro.

-Vostede é representante dos funcionarios, sen embargo o alcalde mantén que obtivo tan poucos votos que non representa a ninguén.

-En Oleiros hai xente con medo, non hai liberdade. Nas últimas eleccións á xunta de persoal non se presentou ninguén. O panorama de maioría absoluta de Alternativa impón. O alcalde non ten precisamente un perfil negociador, e nese aspecto si sería mellorable a política laboral en Oleiros. Semella que aquel que discrepe co rexedor é malo e que o que está de acordo é bo, e nós non perseguimos ser bos nin malos, só cousas razoables. Con nós métese porque non coincidimos con el.

-¿Que obxectivos pretende?

-Queremos unha reforma da Administración, aquí e en Galicia. En Oleiros non existen concursos. Hai postos que desempeña algún non se sabe por que e hai diferenzas que responden máis ás persoas que ao perfil profesional, e iso non é lóxico.

Xerardo García presidente da xunta de persoal de oleiros