Conta outro

X. Ricardo Losada

FIRMAS

29 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Moita xente enfádase cando oe chistes coma este: Que fan os galegos para abortar? Tíranlles pedras ás cegoñas. Eu nunca me sentín concernido polos estereotipos dese tipo de chistes. Como Winston Churchill, cando me preguntan que opino dos galegos, sempre respondo o mesmo: «non os coñezo a todos». Ese tipo de chistes só teñen graza se os interpretas desde un punto de vista persoal máis que xenérico. Así, ata o máis inverosímil está baseado en feitos reais.

Sería eu capaz de tirarlles pedras ás cegoñas para provocar un aborto? Pois si; de feito, funo. A finais dos anos sesenta, nunha época na que se podía falar do sexo dos anxos pero non do sexo dos nenos, eu, con dez anos, aínda cría que os nenos viñan en cegoña de París. Un día, miña nai díxome que unha delas estaba a piques de chegar. Preocupeime. Eu era o pequeno da familia e vivía coma un rei. Non quería competencia. Á mañá seguinte, indo para o colexio, vin unha cegoña no campanario da capela de Guadalupe. Tireille ducias de pedras cunha rabia tan grande que ata que cheguei á casa ao mediodía non souben se lle dera. O novo irmán xa choraba marcando territorio.

A pesar diso, nunca me molestou que se risen da miña ignorancia obstétrica. O único que aínda hoxe me doe non é ser parvo por crer en cegoñas, como suxire ese chiste, senón ter tan mala puntería. E, postos a precisar, paréceme máis verosímil que aquela cegoña existise ca que eu lle tirase pedras porque era, por galego, ignorante. De feito, a primeira vez que fun a París, tiven a absoluta certeza de que xa estivera alí, pero o recordo era tan borroso que só podía vir dos primeiros meses de vida. Pregunteilles a meus pais e xuráronme que nunca estivera. Logo era certo. Viñera en cegoña de París.

Por suposto, non descarto que a miña imaxinación infantil convertese unha gaivota nunha cegoña, pero tampouco descarto que a queimada fose un invento do Ministerio de Turismo franquista para os paradores, como ao parecer foi, e, non obstante, para que me guste máis (para que me faga máis graza), bótolle o conxuro pensando que é de orixe celta.