«A política municipal é máis bonita pero é máis sacrificada»

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS / LA VOZ

FIRMAS

Rosa Oubiña, onte no Parador do Albariño de Cambados.
Rosa Oubiña, onte no Parador do Albariño de Cambados. Mónica Irago< / span>

«Hai que facer unha reflexión e recoñecer que non se fixeron cousas ben»

10 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A cambadesa Rosa Oubiña volve o luns ao Parlamento galego como deputada do PPdeG. Faino, como nas dúas ocasións anteriores, coa lexislatura xa empezada e cubrindo a praza dalgún compañeiro. No 2008 estreouse como parlamentaria ocupando o escano que quedou baleiro tras a morte de Xosé Cuíña. No 2009, fíxoo logo da marcha de Corina Porro e agora volve a Santiago a conta da dimisión de Roberto Pazos Couñago, que onte precisamente tomou posesión como novo director xeral de Administración Local en sustituición de Norberto Uzal, un home que, como Rosa Oubiña, coñece o Concello de Cambados por dentro. Ela é a segunda deputada cambadesa no Hórreo, xunto con Monserrat Prado (BNG), e a cuarta representante do Salnés na Cámara xunto con Marta Rodríguez (PP) e Juan Fajardo (AGE).

-¿Como espera atopar o Parlamento que deixou hai un par de anos, moi cambiado ou todo segue igual?

-Non sei o que me vou atopar. A sensación que teño é que está sendo unha lexislatura bronca. Hai un partido máis...

-A propósito de AGE. O luns tamén debuta Carmen Iglesias como deputada desoíndo o mandato de Esquerda Unida. ¿Qué faría vostede nunha situación así?, ¿o escano debe pertencerlle ao partido ou á persoa?

-Iso xa está definido. Cada persoa é a que debe decidir. Se eu estivera no seu sitio faría o que me pedira o partido, pero ela terá a súas razóns.

-Volve á política activa nun momento difícil. Falo do mala fama dos políticos e da crise económica ...

-A sociedade está pasando un momento moi difícil e, evidentemente, os políticos están no punto de mira. Hai que facer unha fonda reflexión, recoñecer que se fixeron cousas mal e procurar que non se volvan repetir.

-Deputada polo Salnés. ¿Que urxe, na súa opinión, para esta comarca?

-Penso que esta comarca, nos orzamentos deste ano, quedou ben representada.

-Os grupos da oposición non din o mesmo.

-Todos os gastos teñen que acompañarse duns ingresos e hai que repartir o que hai. Nos momentos de bonanza hai para todos, agora hai que racionalizar. Pero, con todo, son optimista. Desde o goberno estanse poñendo as bases para que todo vaia mellor.

-Aínda lembro aquel pleno, a mediados dos noventa, cando tomou posesión como concelleira de Cambados. ¿Qué perdeu e que gañou a Rosa Oubiña política neste tempo?

-Anos. (Risos).

-Aparte diso. Por exemplo, ¿é máis ou menos de dereitas?

-Eu son do centro dereita, e sigo aí.

-Exerceu moitos anos como tenente de alcalde, ¿os cambadeses aínda a sitúan no Concello e lle piden cousas pola rúa ou esa etapa quedou atrás?

-Aínda hai xente que che para para dicirche cousas e outra que cre que aínda estou por Santiago.

-¿Qué leva mellor, a política municipal ou a parlamentaria?

-A do Concello é unha política de contacto máis directo coa xente, a outra é máis política de salón. A política municipal é máis bonita, dáche máis capacidade de manobra, pero tamén é máis sacrificada.

-A súa traxectoria ten un pouco de Guadiana. Aparece e desaparece. ¿En que se ocupa cando non está en activo?

-Eu non son funcionaria así que non teño o posto reservado cando remato unha etapa.

-Nin sequera ten paro...

-E que ser deputado non está considerado como un emprego. É un cargo de representación.

-¿E que opina ao respecto, habería que cambialo?

-Sería un tema a debater.

-¿Ten algunha alternativa laboral á política?

-Eu veño dunha familia que é socia da cooperativa Martín Códax así que este ano estiven traballando para ampliar a nosa produción.

-¿Non me diga que se vai meter traballar na leira a vendimar?

-Lévoo facendo toda a vida, vendimar e dar sulfato tamén.

-A curto prazo non parece que teña que ir á viña. Ten case tres anos por diante no Parlamento de Galicia. Na pasada lexislatura tocáronlle as comisión de Pesca e Agricultura, ¿sabe xa en que eidos vai traballar desta volta?, ¿ten algunha preferencia?

-Aínda non me dixeron nada. Farei o que me pidan.

-Os sectores primarios son moi importantes na economía de Arousa: o viño, a horta, o mar. ¿Como ve o panorama?

-Os sectores primarios foron moi prexudicados durante anos polas políticas que fixeron a nivel europeo ou polo que fora. Hai que protexelo e hai que abrir novos mercados.

rosa Oubiña Solla volve o luns ao parlamento galego como deputada do PP

[¿Traballar na leira e vendimar?] «Lévoo facendo toda a vida, e dar sulfato tamén»

«Os sectores primarios

sempre foron prexudicados. Hai que protexelos»