O sinal de identidade da provincia

X. M. R. / M. COBAS / LaURA U. OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

<span lang= es-es >Personaxes</span>. As máscaras identificativas dos entroidos de Laza (peliqueiro), Viana do Bolo e Vilariño de Conso (boteiros), Manzaneda (máscara), Xinzo (pantalla) e Verín (cigarrón) no encontro.
Personaxes. As máscaras identificativas dos entroidos de Laza (peliqueiro), Viana do Bolo e Vilariño de Conso (boteiros), Manzaneda (máscara), Xinzo (pantalla) e Verín (cigarrón) no encontro. santi m. amil< / span>

O entroido atrae a milleiros de visitantes e constitúe un importante factor de promoción

26 feb 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Os participantes no encontro sobre o entroido na provincia de Ourense coinciden nunha característica que os une por riba de procedencias e de calquera outra circunstancia: a súa paixón pola festa e pola tradición que se mantén viva nos seus concellos. Escoitar falar e compartir sentimentos e experiencias a María José Núñez (Vilariño de Conso), Gemma Matías (Viana do Bolo), José Ramón Barreda (Laza), Juan Manuel Jiménez Morán (Verín), Carlos Gómez (Xinzo de Limia) e David Rodríguez (Manzaneda) é camiñar pola cerna da esencia da festa e a identificación que os ourensáns teñen coa mesma. No encontro abordáronse aspectos salientables da festa.

potencial económico

Atractivo turístico. Un estudo realizado en base á demanda das persoas que viaxan nas datas do entroido amosa que Ourense é un dos destinos preferidos para a xente que quere disfrutar da festa. Carlos Gómez (Xinzo) cre que a evidencia está aí: «Ademais de ser unha festa, o entroido é un recurso económico para as nosas vilas. No caso dos máis potentes estamos cheos, pero a ocupación hoteleira repercute en Ourense e ata en Portugal». Jiménez Morán vais máis alá: «Promocionando o que temos conxuntamente podemos facer que calquera persoa que veña de fóra bote aquí dez días disfrutando dunha intensidade carnavaleira asombrosa, indo a todos os sitios. E seguro que para o ano repite».

fidelidade

Asistencia durante décadas. Os participantes no encontro celebrado na oficina de Turismo de Verín coinciden en que a cita engancha e que a fidelidade é unha das características dos visitantes que acuden á festa de despedida da carne. Na vila do Támega crearon un premio para esta xente, porque como sinala Morán: «Aquí hai grupos de Madrid, de Valladolid e doutros lugares que levan anos vindo. É asombroso, pero hai persoas que levan máis de vinte anos seguidos vindo a este entroido».

masificación

O perigo. Festas como as que se celebran no triángulo máxico son cita obrigada para milleiros de persoas. Unha circunstancia que se vive con preocupacións nalgúns dos casos. En Verín poñen en marcha dende hai uns anos un plan de seguridade, en celebracións como o Xoves de Comadres, para evitar problemas: «Ese día temos máis de 10.000 visitantes e ata que se remata o pregón estamos preocupados», recoñece Morán. Con todo, o alcalde sinala que os cidadáns son os máis concienciados «e perigos potenciais como os dos petardos foron eles mesmos quenes os erradicaron e os desprazaron da festa». A Laza acuden á farrapada máis de 5.000 persoas, nun pobo de cincocentos habitantes, e o seu alcalde di que son os propios veciños os que garanten a súa celebración: «Estou seguro que se queremos poñer orde dende o concello algún día, daquela si que non se resolve e provocamos un conflito».

promoción ou populismo

Restrinxir as saídas. Barreda (Laza), Morán (Verín) e Gómez (Xinzo) coinciden en que a promoción turística dos seus entroidos foi unha boa iniciativa para darlle pulo aos mesmos. Agora restrinxen máis as saídas para evitar caer no populismo e perder o respecto á tradición e aos costumes. Sobre a masificación conta o limiao Carlos Gómez a anécdota de «cando uns veciños colocaron un cartel na estrada xeral: Xinzo cheo, continuar para Verín».

tradición

Manter o legado. Os entroidos menos concurridos manteñen o relevo xeracional implicando aos cativos na festa. Gemma Matías sinala como en Viana do Bolo se van reproducindo os esquemas da festa «cos rapaces, axeitando os elementos identificativos para que podan levalos e correr o entroido». O mesmo acontece en Vilariño de Conso. Verín organiza obradoiros para elaborar o traxe do cigarrón e en Laza vanse incorporando veciños á tradición de crear os traxes.

rivalidade

Traballo conxunto. Recoñecendo as diferenzas e a aposta de cada un polo seu entroido, os participantes no encontro coinciden á hora de sinalar que a promoción conxunta e o pulo que se lle está a dar ao entroido da provincia, como a recente cita no Obradoiro, inciden de maneira moi positiva na participación de visitantes e veciños na festa. Carlos Gómez di que dende o futuro museo se van programar actividades conxuntas.

novos tempos

Problemas para atopar vexigas. A falta de gando e as novas condicións e esixencias sanitarias nos matadoiros afecta ás pantallas de Xinzo. Gómez explícao: «Agora é difícil conseguir 2.000 ou 2.500 vexigas, e máis que nos matadoiros lles deixen o vergallo para poder collelas. Aí temos un problema».

Nunha ocasión colocaron un cartel en Xinzo que desviaba á xente para Verín

O peliqueiro é a figura escollida polo museo das civilizacións de Marsella no 2014

As festas da androlla e do cabrito sirven para potenciar

o carnaval