«Hai que recuperar a calidade da Rubia Galega»

laura lópez lugo / la voz

FIRMAS

17 jul 2014 . Actualizado a las 08:00 h.

Antonio Núñez Torrón é un dos dous candidatos á presidencia de Acruga -o outro é o actual dirixente, César Dorado-, cuxas eleccións serán este sábado. Este veterinario de profesión desde hai 34 anos e titular dunha explotación gandeira en extensivo desde hai 29, explica que a súa candidatura fórmaa un equipo

de dez gandeiros que queren loitar polo futuro da raza Rubia Galega aportando unha mestura de experiencia e modernidade: «Somos xente profesional con ampla experiencia no sector, nas especialidades de tradicional, extensivo,

intensivo e ecolóxico».

-¿Por que di que a Rubia Galega está desvarolizada?

-Hai unha gran desfeita xenética desde o 2004 porque se favorece a introdución de razas cárnicas de fóra. Os datos son alarmantes: nos últimos tres anos caeu en máis dun 11 % o número de animais inscritos no libro xenealóxico, pasando das 33.265 femias no 2011 ás 29.721 no 2013.

-¿Como se pode cambiar esta tendencia?

-Hai que recuperar a calidade da Rubia Galega coa selección xenética, porque estamos perdendo o tren por non aplicar as novas tecnoloxías. Nós queremos impulsar un programa de selección xenética en raza pura para recuperar as calidades maternais, a facilidade do parto e a produción leiteira.

-¿Que outras medidas queren poñer se saen elexidos?

-Facer un programa de selección de machos para o cruzamento con outras razas, favorecer os estudos científicos con empresas e universidades, aumentar a venda de seme mediante campañas de promoción, facer dúas subastas anuais só de gandeiros profesionais e democratizar a asociación. Non é lóxico que só teñan dereito a voto 1.150 dos máis de 2.700 socios.